Co gallo da
conmemoración hoxe do Día Mundial do Corazón, o Servizo de Cardioloxía da
Hospital Universitario de Ourense e os seus profesionais lideran unha campaña
de difusión e promoción da saúde, para facer chegar a toda a cidadanía uns consellos
para coidar mellor o seu corazón e envellecer na mellor situación
cardiovascular posible.
As enfermidades
cardiovasculares seguen a ser, a día de hoxe, a principal causa de mortalidade no
noso medio e afectan especialmente ás persoas de maior idade. O avance nos
tratamentos e controis, por parte do sistema público de saúde, están a facer
posible controlar moitos dos factores de risco de desenvolvelento de
enfermidades cardiovasculares pero a ferramenta máis valiosa segue a ser a
prevención e autocoidado.
Os e as
especialistas do Servizo de Cardioloxía lembran hoxe a importancia de evitar
riscos cardiolóxicos ben coñecidos nos que se pode actuar: a hipertensión,
o exceso de colesterol, o sedentarismo e
os hábitos tóxicos como o tabaco ou o alcohol.
Fronte a eles,
unha das máis valiosas armas é o exercicio físico. O sedentarismo é unha “pandemia”
silente que trae da man novos riscos para o corazón, e a saúde en xeral, como obesidade, diabete ou hipertensión, ou dos malos hábitos na dieta, como o exceso de
sal nas comidas, moi habitual en Galicia.
Pandemia de mala
alimentación e sedentarismo
Ademais o sedentarismo
estase a agravar pola pandemia, e pola extensión do teletraballo, así coma as
novas vías de ocio, onde a actividade física é só virtual, nas pantallas. Este
período tamén estendeu os problemas de mala alimentación, dada a maior accesibilidade,
directamente na casa con tan só unha chamada ou desde o móvil, a comidas elaboradas e moitas veces ultraprocesadas,
con exceso de sal ou azucre, con gasto enerxético cero.
Os beneficios do
exercicio físico non só se limitan a protexer o corazón, senón que garanten chegar
a terceira idade de xeito saudable, con máis posibilidades de manter unha maior
calidade de vida, e unha vida máis plena, evitando a fraxilidade ou retrasando
o desenvolvemento de problemas cognitivos.
O Servizo de
Cardioloxía mantén unha intensa actividade asistencial, retomando a incidencia
habitual previa á pandemia. Así, tan só ata o pasado mes de agosto, rexistrou
un total de 1.045 ingresos que fai prever un incremento respecto á súa media
histórica.
Do mesmo xeito, neste
mesmo periodo atendéronse 7.791 consultas, das que 1.797 son primeiras
consultas e o resto sucesivas. Igualmente desde o servizo estanse impulsando as
consultas de acto único (proba e consulta nunha mesma visita) e intensificando
a coordinación con atención primaria.