A XUNTA INVISTE MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS EN NOVOS ECÓGRAFOS NA ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA
25 09 2022

A Xunta de Galicia leva investidos 1.018.000 euros na adquisición de 11 novos equipos de ecografía instalados nos centros da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. 

Amais, acaba de licitar outro por 66.500 euros para a nova UCI que se ven sumar aos 11  que xa están instalados na área de urxencias do Clínico e radioloxía dos hospitais Clínico, Conxo, Gil Casares e Barbanza.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Esta contratación responde ao obxectivo de mellorar a oferta asistencial á poboación das sete áreas sanitarias de Galicia, aumentando e modernizando a capacidade radiodiagnóstica de todos os hospitais públicos galegos, como medio para mellorar o diagnóstico e seguemento dos seus usuarios e usuarias. 

O equipamento obxecto destes expedientes de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Estes contratos forman parte do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano.

En particular, o goberno galego investiu máis de 4’3 millóns de euros na adquisición de 37 novos equipos radiocirúrxicos e adquiriu sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, por un importe de 20,5 millóns de euros para as sete áreas sanitarias. Ademais, ven de adxudicar outro contrato por 1,4 millóns de euros para renovar un total de 97 lámpadas cirúrxicas no conxunto de hospitais públicos do Sergas e está a piques de resolver outro por valor de 3 millóns de euros, licitado en maio deste ano, para substituír máis de 50 mesas cirúrxicas dos hospitais galegos que contan con máis de 15 anos de antigüidade.

Por outra banda, a Xunta está a tramitar este ano contratos por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación e ampliación de equipamento sanitario de diagnóstico por imaxe, radioterapia e medicina nuclear en todas as áreas sanitarias.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde