​O CONSELLEIRO DE SANIDADE DÁ A BENVIDA AOS 18 ESPECIALISTAS EN ATENCIÓN PRIMARIA QUE SE INCORPORAN, POR CONCURSO DE MÉRITOS, Á ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS
25 10 2022
 
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; participou esta mañá no acto de benvida dos primeiros 18 médicos especialistas en Atención Primaria que cubrirán senllas prazas de facultativo nos diferentes centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

En concreto, 5  dos novos facultativos cubrirán as prazas nos centros de saúde da cidade de Pontevedra, 3 en Vilagarcía de Arousa, 2 Cambados, 2 en Marín, e cadansúa praza nos centros sanitarios de Baltar, Meaño, Moraña, Ponte Caldelas, Ribadumia e Vilaboa. A todos eles, engadiranse tres profesionais máis, cando se complete a segunda queda de adxudicación de prazas (Vilagarcía de Arousa, Cambados e O Grove).

García Comesaña agradeceu a participación dos novos facultativos nun procedemento que contribuirá a paliar o déficit de médicos que sofre o conxunto do Sistema Nacional de Saúde. Así, sinalou que o reforzo de persoal na área sanitaria pontevedresa era unha prioridade para o Goberno galego. Porén, 21 das 106 prazas de médicos de primaria convocadas pola Xunta, para cubrir mediante concurso de méritos, teñen como destino os centros de saúde desta área.

Neste senso, lembrou outras medidas que segue a implementar a Xunta de Galicia co ánimo de garantir a calidade asistencial no Servizo Galego de Saúde. Nomeadamente, precisou que os Orzamentos do ano 2023 contemplan unha partida de 4 millóns de euros destinadas ás melloras retributivas do persoal médico, ou a aprobación dunha segunda convocatoria por concurso de méritos, coa que poder cubrir prazas nas especialidades médicas de Pediatría, Saúde Mental, e nos diferentes hospitais comarcais.

“Seguiremos reforzando os centros de saúde e os PACs, e seguiremos usando un sistema que xa comprobamos que funciona”, apostilou o conselleiro.

No transcurso deste acto, que contou coa asistencia do o presidente do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, Isidro Lago Barreiro; a directora asistencial da área sanitaria, Susana Romero Yuste; e a directora de Atención Primaria, Marta Ocampo Fontangordo- os novos profesionais médicos recibiron un agasallo de benvida do Colexio Médico, así como documentación de interese aportada pola Àrea Sanitaria. Estes 18 facultativos incorporaránse a cadanseu servizo de Atención Primaria nas vindeiras datas.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde