A XUNTA ADXUDICA POR MAIS DE 5.7 MILLÓNS DE EUROS AS OBRAS E EQUIPAMENTO DO SERVIZO DE MEDICINA NUCLEAR DE OURENSE
22 10 2022

A Xunta de Galicia ven de adxudicar a “UTE Puentes y Calzadas Infraestructuras SLU + Servicios COPASA” as obras do novo Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Universitario de Ourense, no que se investirán 5.708.735 euros, e que inclúe entre o seu equipamento un PET-TC, por un importe que ronda o millón e medio de euros, co que os pacientes de Ourense accederán a esta tecnoloxía evitando traslados a outras provincias. 

O importe de adxudicación das obras foi de 2.834.453, 36 euros, coa principal novidade de reducir o prazo estimado de execución en oito semanas, fixando o prazo en 4 meses. Asemade o equipamento de alta tecnoloxía ascende a 2.874.282 €, con dúas gammacámaras SPECT-CT, adxudicadas a General Electric por unha suma de 1.391.500 euros, en concreto as que se instalarán son o modelo NM/CT 870 DR Elite, mentres que o novo PET-TC foi adxudicado a  Siemens e será un dos seus equipos de última xeración: Biograph MCT flow  RT inyector, por un importe de 1.482.782€.

Con este investimento o Servizo pasará da planta baixa do Edificio Santa María Nai ao nucleo central de hospitalización, no primeiro soto do edificio Cristal, estruturado en catro áreas básicas. Unha non protexida onde se sitúan as dependencias ambulatorias e de admisión; unha área radioprotexida, na que se emprazarán as dúas gammacámaras, a sala de técnica común, a sala de inxección e as esperas correspondentes, a cámara quente e residuos. A terceira será a de terapia metabólica, cunha habitación, unha sala diferenciada para limpeza da área, oco para residuos sólidos e control de enfermaría; e por último a área de PET-TC, independente e con entrada diferenciada.

Este equipamento será financiado pola Unión Europea través do mecanismo de recuperación e resiliencia-Next Generation, adquiríndose a través do Plan de Inversión en equipos de alta tecnoloxía do Sistema Nacional de Saúde. 

Sanidade pública de futuro para Ourense

Ademáis da reforma de medicina nuclear, neste intre están en marcha as obras da Unidade de Coidados Intensivos, adxudicadas á UTE Seranco SAU+Oreco SAU, cun orzamento de 8.221.708 euros para poñer en marcha a que será a primeira UCI deseñada tendo en conta as necesidades da pandemia.

Con esta obra, Ourense renovará e duplicará o espazo actual da súa unidade de coidados intensivos, que ampliará as súas marxes dentro da cuarta planta do Edificio Cristal, mediante unha adaptación de espazos para a implantación de tres módulos da UCI cos seus correspondentes áreas asistenciais e administrativas de apoio.

O proxecto adecuarase aos máis actuais requerimentos estruturais dunha unidade de críticos, referidos á dimensión dos postos, á configuración dos espazos e á climatización e conservación, acorde ás novas regulacións do manexo de pacientes, incluídas  aquelas  específicas no marco da pandemia da COVID-19, pero tamén aos novos procedementos asistenciais e uso de novas tecnoloxías e equipamentos electromédicos ou de alta tecnoloxía.

As obras da UCI realizaranse en paralelo ás de ampliación do propio hospital, coa construción dun novo edificio de hospitalización de 12 plantas, neste momento en obras,  e a reforma integral do Materno Infantil, un investimento de preto de 52,6 M€ e xerará preto de 1.000 empregos.

Este proxecto forma parte dun ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública de Ourense da Xunta de Galicia, que prevé investimentos de ata 120 millóns de euros nesta Área Sanitaria destinadas a obras nos tres hospitais e atención primaria así como de acceso a alta tecnoloxía.

Os orzamentos da Xunta de Galicia para este mesmo ano 2022 en tecnoloxía sanitaria ascenden a máis de 13.4 millóns de euros, e posibilitarán renovar os dous aceleradores lineais do servizo de radioterapia así como 6 equipos TC; dous deles destinados aos hospitais de Verín e Valdeorras; renovar a sala Radioloxía Vascular Intervencionista e dotar a este servizo cun novo equipo de Anxiografía Neurorradiolóxica; así como incorporar oito novos ecógrafos para o servizo de radiodiagnóstico e un para o servizo de urxencias. Todos eles xa adxudicados e en proceso de instalación. 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde