VISIBILIDADE Á VIOLENCIA DE XÉNERO E COMPROMISO COA MULLER POR PARTE DO SECTOR SANITARIO A TRAVÉS DUNHA EXPOSICIÓN
16 11 2022

Diferentes servizos do Hospital Universitario de Ourense acollen desde hoxe a exposición ArteNON, unha mostra itinerante que reúne a visión de doce ilustradoras sobre a violencia de xénero, promovida pola Consellería de Emprego e Igualdade, e que servirá de punto de partida para os actos previstos, neste mes de novembro, para concienciar sobre a lacra da violencia ao persoal sanitario, e do seu importante papel de detección, apoio e axuda ás mulleres que a sofren.

O delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, percorreu esta mañá algúns dos espazos do hospital que acollen as pezas, onde estivo acompañado por distintos colectivos de profesionais sanitarios, que ao longo deste mes poderán atopar nos seus servizos as obras que compoñen a exposición, que tamén se moverán dentro do centro, servindo como elemento de concienciación e visibilidade,  e compartir nas redes sociais o seu apoio á loita contra a violencia.

A violencia non distingue ás mulleres por idade, capacidade económica, situación social ou profesión, polo que visibilizala e combatila é especialmente importante no sector sanitario, formado en Ourense por un 82% de mulleres que, a súa vez teñen un dobre papel de vixilancia: coas pacientes, nas consultas e urxencias, e como compañeiros e compañeiras na escoita activa e alerta ante calquera indicio, nun entorno esencialmente feminino, e por tanto con moitas posibilidades  de que algunha estea a sufrir esa situación.

A visión de doce artistas galegas

Con esta mostra, a Xunta de Galicia pretende contribuír á concienciación de toda a sociedade contra a violencia de xénero nas súas múltiples formas e manifestacións. Trátase de sensibilizar, para visibilizar e crear conciencia social, dicíndolle “non” á violencia de xénero. O obxectivo da mostra é contribuir a xerar reflexión e debate, poñendo a loita contra a violencia no centro.

As artistas, de diferentes idades e experiencias, empregan a arte como instrumento de loita pola igualdade de xénero e como símbolo de empoderamento feminino contra as agresións machistas. Trátase de Andrea López, Candela Piñeiro, Alicia Suárez, Julia Gema, Eva Carballeira, Aurora Cascudo, Paula Cheshire, Paula Mayor, Abi Castillo, Idoia de Luxán, Lara Torres e Laura Tova. Todas as pezas están acompañadas dun póster que recolle información sobre as súas autoras, proxección e carreira artística, ademais dunha sinopsis da obra.

A mostra, que estivo antes en Lugo e na Biblioteca Pública de Ourense permanecerá no hospital ata finais de novembro. Aquí será igualmente itinerante, tentando chegar ao maior número de profesionais, visitantes e pacientes durante este periodo tras o que continuará seu percorrido cara ás sete principais cidades de Galicia.

Plan de Igualdade do Sergas

Neste marco de promover a cultura de igualdade, o apoio a muller e o rexeitamento da violencia a Consellería de Sanidade pactou o pasado ano, na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, co apoio unánime das organizacións sindicais participantes, o primeiro Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024).

Nesta liña, Sanidade está a traballar activamente na execución das 59 medidas de actuación incluídas. As mulleres representan preto do 80% do persoal do Servizo Galego de Saúde, o que as converte no motor da sanidade pública de Galicia. 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde