“A Xunta de Galicia aposta polo investimento en investigación
sanitaria e a tal efecto esta partida veuse incrementada en máis dun
9% nos presupostos do vindeiro ano ata acadar os 5,7 millóns de
euros, consolidando e ampliando a suba do 20% experimentada no 2021”.
Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,
no acto de entrega do 28º premio Rafael Hervada á investigación
biomédica, “que supón un recoñecemento a aqueles que realizan un
traballo continuado ao servizo dunha mellor atención sanitaria,
centrados na busca de novos coñecementos e tratamentos”.
O
conselleiro destacou o importante potencial científico e
investigador co que conta Galicia, remarcando o labor que desenvolve
a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, “un organismo
que é un centro de investigación clave na nosa comunidade, e que
constitúe unha referencia nacional e internacional”. Neste senso,
o Executivo galego consolida en 2023 unha partida de sete millóns de
euros para esta Fundación, que duplicou os seus fondos nesta
lexislatura.
Na
súa intervención, o responsable do Sergas dixo que Galicia conta xa
con tres institutos de investigación biomédica acreditados polo
Instituto de Saúde Carlos III, “un fito importante neste campo na
nosa comunidade e que redunda na mellora do nivel de asistencia
sanitaria que se presta á cidadanía”. Así mesmo, “melloráronse
as condicións dos investigadores, para converter a Galicia nun foco
xerador e de atracción de investigación”.
O
titular da carteira sanitaria do Executivo galego sinalou que, en
xullo de 2021, asinouse o primeiro convenio para o persoal dos tres
institutos, “o que supuxo un primeiro paso para introducir melloras
salariais e poñer en marcha plans de formación”. En segundo
lugar, Comesaña dixo que a través da Lei de medidas fiscais e
administrativas que acompañan aos presupostos da Xunta de 2023,
“imos realizar as modificacións necesarias, para integrar estas
fundacións de investigación biomédica no sector público
autonómico”. Unha medida que irá acompañada da creación, por
parte da Xunta, dun estatuto para investigadores de todos os centros
públicos autonómicos, que mellorará a súa calidade laboral.
Grazas a esta medida, o persoal de investigación destas tres
fundacións, que xa serán do sector público, poderán acollerse aos
beneficios deste novo Estatuto. Os obxectivos pois son “máis
estabilidade e accesibilidade para os investigadores galegos, así
como fixar un marco laboral para o futuro e atraer investigadores de
fóra de Galicia”.
O
conselleiro citou algúns exemplos da actividade dos tres institutos
galegos para o avance do tratamento de moitas enfermidades e a
mellora da atención sanitaria, como o instituto coruñés, que está
a traballar, en colaboración coa Universidade da Coruña, no
desenvolvemento de algoritmos que identifiquen aos pacientes con máis
probabilidades de sufrir deterioro cognitivo. Ou o instituto de
investigación sanitaria de Santiago que, en colaboración con
investigadores do complexo hospitalario desa cidade, descubriu un
novo biomarcador que detecta o cancro de colon en etapas inicias.
Pola súa parte, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur,
en colaboración co Complexo Hospitalario de Vigo está a deseñar
unha aplicación para fomentar a vacinación entre pacientes
reumáticos.
Tamén
destacou o conselleiro, a posta en marcha do futuro Centro de
Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia para elaborar novos
fármacos innovadores contra o cancro e fomentar a atención
personalizada dos pacientes, cun investimento inicial por parte da
Xunta de 2,5 millóns de euros.
Para
rematar a súa intervención, Comesaña agradeceu o traballo
admirable que fan as fundacións como o Instituto de Investigación
contra a leucemia Josep Carreras e felicitou ao seu equipo polo
premio recibido. “En Galicia coñecemos ben o labor da Fundación
Josep Carreras ao que pertence o instituto, pois a Axencia Galega de
Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) ten subscrito un acordo con eles
para a doazón de medula ósea”.