O
Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023 da Xunta de
Galicia vén de recibir en Madrid, no Círculo de Bellas Artes, no
marco dos premios Tecnoloxía e Saúde 2022, o galardón ao mellor
programa de atención domiciliaria a pacientes crónicos impulsado
por unha comunidade autónoma, nun acto que estivo presidido pola
secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón. O galardón foi
recollido pola subdirectora xeral de Atención Hospitalaria do
Sergas, Raquel Vázquez Mourelle.
Estes
premios, que outorga a Fundación Tecnoloxía e Saúde en
colaboración coa Federación Española de Empresas de Tecnoloxía
Sanitaria (Fenin), recoñecen cada ano iniciativas, actuacións e
traxectorias de excelencia de profesionais, comunidades autónomas,
institucións, asociacións de pacientes e emprendedores que destacan
pola súa aportación á saúde e mellora da calidade de vida da
poboación.
A
concesión do galardón reflicte que o Plan Galego de Hospitalización
a Domicilio é concebido como un modelo de atención cara ao futuro,
centrado nas necesidades do paciente. Un dos principais valores desta
iniciativa baséase, -segundo se explica na concesión do premio-, na
incorporación das novas tecnoloxías como ferramentas facilitadoras
da calidade asistencial e seguridade do paciente, que adquiriron
maior importancia por mor do envellecemento da poboación, o aumento
da cronicidade e o desexo dos doentes de seren atendidos no seu
fogar.
Na
súa intervención no acto, a subdirectora de Atención Hospitalaria
do Servizo Galego de Saúde, Raquel Vázquez Mourelle, amosou o
agradecemento do departamento sanitario galego á Fundación
Tecnoloxía e Saúde que recoñeceu o impulso do Sergas na posta en
marcha do Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023.
“Levamos anos esforzándonos en incorporar as novas tecnoloxías no
ámbito asistencial, como ferramenta facilitadora da calidade e
seguridade do paciente”. Tamén agradeceu “a todos os
profesionais que se dedican diariamente aos pacientes que requiren
hospitalización a domicilio, por esa vocación e sensibilidade que
lles caracteriza”.
A
cidadanía galega, -proseguiu a representante do Sergas-, “valora
especialmente a súa atención porque repercute na súa calidade de
vida. E desde logo que este premio quen o merece especialmente “son
os meus compañeiros que definiron o Plan”.
Ao respecto, lembrou a todo o
grupo de traballo liderado pola directora xeral de Saúde Pública da
Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, e que conformaban
María Jesús Rey Tristán como coordinadora, Montserrat García
Sixto, Leticia Hermida Porto, e Fernando Lamelo Alfonsín, entre
outros profesionais.