A UNIDADE DE ENFERMIDADES INFECCIOSAS DE OURENSE DIAGNOSTICOU 16 NOVOS CASOS DE VIH E ACONSELLA PREVENCIÓN
01 12 2022

Este ano 2022 o lema do Día Mundial da SIDA é “Igualdade xa!!” que insta a acabar coas desigualdades que aínda perduran a nivel mundial no seu tratamento, e perpetúan a pandemia da SIDA, que nos países desenvolvidos ten evolucionado cara ao manexo dunha enfermidade crónica, da que se seguen a rexistrar casos, 16 en Ourense, só no pasado ano.

Esta chamada á acción persegue poñer fin a esta enfermidade da man de maiores servizos para o tratamento e prevención e de garantir o intercambio de tecnoloxía para que todo o mundo teña acceso aos mesmos servizos. Poñer fin á sida é posible, pero só o será se se conta con accións eficaces aunando esforzos para previr o VIH e concienciar sobre as infeccións de transmisión sexual.

As desigualdades entre países teñen un alto componente económico, mostra delo o importante esforzo asistencial e económicos que os distintos servizos sanitarios públicos realizan no coidado dos seus pacientes. En Galicia seguen tratamento preto de 5.000 pacientes cun custo en antirretrovirais de 33 millóns de euros ao ano.

Ricardo Fernández, Xefe da Sección de Enfermidades Infecciosas do Hospital Universitario de Ourense, salienta que as prioridades para frear o avance do VIH son “diagnosticar e tratar canto antes, axuntar esforzos para atender, acompañar e mellorar a calidade de vida dos pacientes e, o máis importante, previr a enfermidade”. Unha das principais premisas para calquera tipo de infección de transmisión sexual é a prevención, algo que parece sinxelo co uso do preservativo, pero que con todo non está consolidado. Educación, información e divulgación continúan sendo indispensables para dar visibilidade a este tipo de enfermidades que poden previrse.

500 pacientes a tratamento en Ourense

En Galicia rexistráronse desde 1984 un total de 4.316 casos SIDA; en Ourense 490. Desde 2004 rexistráronse os casos de infección VIH, con SIDA ou sen SIDA: en total 3159 casos. No pasado ano houbo 178 novos infectados en Galicia ; en Ourense 16. A prevalencia de infectados VIH en Galicia é de 6,5 casos /100-000 hab/ano, número que é notablemente inferior á media española que está nos 9,8; No noso Hospital Universitario de Ourense hai 500 pacientes en tratamento TAR; en Hoxe en día o 80% dos novos casos son pola vía da transmisión sexual; 43% homosexuais; 37% heterosexuais.

Segundo explica Ricardo Fernández “Un terzo dos novos diagnósticos de infección VIH no noso país son tardíos e cunha severa deterioración inmunitario CD4<200”. Por elo, cree que hai que fomentar o diagnóstico precoz da infección VIH para conseguir tratar pronto aos infectados e ademais conseguir así frear a transmisión da infección a outras persoas.

Neste intre o tratamento erradicador e as vacinas seguen en investigación. Os TAR son tratamentos para sempre, logo o mellor tratamento seguen sendo as medidas de prevención, o uso de preservativo é a  fundamental, en determinados casos a PreeP (profilaxe pre-exposición).

Beneficios dos novos tratamentos de longa duración

Un dos últimos avances son novos tratamentos antirretrovirais de acción prolongada  ("long acting" ou depot) de administración intramuscular, para pacientes virológicamente suprimidos con dificultades coa súa TAR oral diario. O primeiro réxime deste TAR -cabotegravir rilpivirina- ten unha dosaxe  IM cada dous meses. Estes tratamentos demostraron igual eficacia e supoñerán un beneficio para determinados pacientes.

Este sería o caso de persoas con irregular adherencia ao tratamento vía oral, por dificultades na súa vida diaria, desde viaxes frecuentes a situacións que fan difícil seguilo a pauta diaria. Tamén poderían ser de utilidade para pacientes que desexan e valoran moito o risco da estigmatización pola súa enfermidade, ou mesmo polo efecto psicolóxico de non ter que lembrar cada día que padecen a infección, ao tomar a pauta oral.​

Hai 40 anos que  se iniciou a pandemia da infección VIH. Estímase que se infectaron no mundo 80 millóns de persoas das que a case a metade delas faleceron. Desde entón en España rexistráronse en total 88.700 casos SIDA; deles faleceron 60.000, a maioría antes de dispoñer de TARs (tratamentos antirretrovirais) eficaces, a mediados dos anos noventa. Hoxe en día dispoñemos de TAR non só moi eficaces en suprimir a replicación viral do VIH senón tamén moi ben tolerados e en réximes dun só comprimido ao día. Con estes tratamentos logrouse a cronificación da infección VIH e unha boa calidade de vida dos pacientes.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde