O Hospital
Universitario de Ourense afonda na súa colaboración coa Fundación Dorzán,
mediante unha iniciativa de coordinación sociosanitaria que permite establecer
unha rede de apoio aos pacientes ingresados, contribuindo a súa recuperación e
autonomía, para facilitar a súa volta a casa mantendo a súa independencia e
habilidades da vida diaria.
O convenio
“Preparando a volta a casa”, que ven de renovarse por un período de catro anos,
é un dos tres que neste intre a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras
mantén coa Fundación Dorzan, desde a sinatura, en 2011, dun acordo pioneiro que
facilita, de xeito inmediato, unha praza nunha residencia, aos pacientes que
tras a alta precisan dun apoio integral e non poden retornar á casa,
permitíndolles acceder a unha residencia temporalmente ou mentres xestionan o
seu ingreso nun centro sociosanitario.
Esta primeira iniciativa
de coordinación, promovida polo Servizo de Traballo Social do Hospital
Universitario de Ourense, marcou un fito no conxunto de hospitais, tanto da
rede pública galega como estatal, e foi seguida despois por numerosos hospitais
e fundacións sociosanitarias, contribuindo a dar unha resposta urxente a unha
necesidade social, xerada pola falta de autonomía, tras un ingreso hospitalario
e a carencia de recursos ou de rede social de apoio.
Pola súa parte “Preparando
a volta” ten por obxectivo garantir, manter e, se é posible, mellorar a calidade
de vida e autonomía das persoas maiores, xa no propio ingreso hospitalario,
facilitandolles axuda para recuperarse. As coidadoras o visitan no hospital e fan
o papel normalmente asignado á familia ou amigos, desde axudalos a camiñar, a
animalos a realizar as pautas de autocoidado que indique o persoal sanitario.
Desde o hospital
ata a Casa
Cando este apoio
segue a ser preciso na casa, os pacientes –con falta de recursos ou de apoio
social- poden acollerse a outro dos convenios vixentes coa Fundación Dorzán
“Volta a casa”. Posto en marcha en 2015 e renovado a finais de 2021. Esta
iniciativa fai posible contar cun coidador a domicilio de xeito temporal, ata recuperar a autonomía tras abandonar o
hospital.
Esta axuda no
fogar, subvencionada polo convenio, está prevista durante un mes prorrogable a
dous, dando así seguridade durante os esenciais primeiros días na casa; ademais
de promover a continuidade do plan de coidados e un maior benestar, co
obxectivo de evitar a institucionalización e promover a independencia.
A renovación foi
asinada polo xerente da Área Sanitaria provincial, Félix Rubial, e Secundino
Vidal vicepresidente da Fundación Dorzán. A Fundación Dorzán é unha institución
benéfico social que ten por obxecto a axuda e asistencia ao colectivo da
terceira idade, co fin de mellorar a súa calidade de vida e benestar social.
Dentro dás súas áreas de actuación está de contribuír e custear a atención e
estancia dás persoas maiores, que por falta ou escaseza de recursos non poden
acceder as prestacións dun centro sociosanitario.