Coa inauguración
hoxe das súa nova sede e laboratorio, na Área de Formación e Investigación do
Hospital Universitario, o Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva de
Ourense (GIODO) consolida a súa posición, como referente da investigación en
oncoloxía dixestiva do Sur de Galicia, e aposta polo seu futuro con máis
persoal e asumindo directamente máis procedementos de laboratorio que ata agora
derivaban.
Respaldando os
seus obxectivos de futuro, estiveron presentas as máximas responsables das dúas
institucións de investigación, coas que se coordina o Grupo, a directora científica
do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda, e a
directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, que forman os tres hospitais do
sur de Galicia, Beatriz Gil. Contando coa asistencia tamén do presidente da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ourense, Germán Rodríguez-Sáa.
O director de
GIODO, Joaquín Cubiella, destacou o crecemento continuado do grupo desde a súa
creación. Mostra disto, entre 2019-22 obtiveron financiamento, en convocatorias
nacionais, para 10 proxectos de investigación; para outro en convocatorias
europeas e para a contratación de tres investigadores, a tempo completo, que se
suman a rede de oncólogos médicos e especialistas en aparello dixestivo do
Hospital Universitario de Ourense, que colaboran en distintas liñas de investigación.
O conxunto de investigadores publicaron un total de 97 artigos científicos e
presentaron 31 resultados dos estudos en congresos internacionais.
O grupo está
conformado por médicos dos servizos de Oncoloxía Médica e Aparello Dixestivo do
Hospital Universitario de Ourense e ten dous investigadores responsables: Jesús
García Mata e Joaquín Cubiella. Os investigadores que compoñen o grupo son
predominantemente médicos asistenciais, que compaxinan a investigación coa
actividade asistencial nos centros da área Sanitaria de Ourense, Verín e O
Barco de Valdeorras.
Ademais, neste
intre están contratados, con dedicación exclusiva, grazas a captación de fondos
e bolsas para a investigación, unha investigadora postdoutoral (Cristina
Regueiro), dúas técnicos de investigación (Astrid Díez e Ariadna Mato) e dous
investigadores predoctorais (Pedro Davila e Jorge Hernández).
Referentes en
Oncoloxía Colorrectal
O grupo de
Investigación en Oncoloxía Dixestiva de Ourense (GIODO) está adicado de forma
prioritaria á investigación clínica no ámbito da oncoloxía dixestiva, nos seus
diversos aspectos: prevención, diagnóstico, historia natural e tratamento. O seu
obxectivo principal é responder as áreas de incerteza para mellorar a
asistencia diaria dos pacientes.
Co seu núcleo e
orixe no servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, a súa traxectoria
iníciase xa 2001, participando no estudo EPICOLON, e nos ensaios clínicos de
referencia neste área COLONPREV, ParCoFIT, COLONPREDICT e EpoS. Que deron orixe
a establecer a necesidade e posaterior posta en marcha de sistemas de
prevención, como o cribado de cancro de colon que na actualidade desenvolve o
Sergas, e no que participaron activamente.
Desde os seus
inicios non deixaron de crecer e na actualidade é un grupo recoñecido como de
potencial crecemento pola Axencia Galega de Innovación, forma parte do Centro
de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas, e
colabora na rede europea COST
Transcoloncan . A súa actuación centrase especialmente no cancro
colorrectal, o máis prevalente dos tumores dixestivos, e desenvolve tamén
proxectos sobre tumores esofáxicos, gástricos e pancreáticos.
Liñas de investigación actuais
Ademais dos proxectos
propios de investigación clínica, os seus membros colaboran con outros grupos do
IIS Galicia Sur de investigación básica, participando ademáis en proxectos
multicéntricos, nacionais ou internacionais, de investigación clínica independente
financiados en convocatorias competitivas; convenios e colaboracións con
empresas ou entidades privadas e ensaios clínicos con medicamentos.
Un dos puntos
máis potentes do grupo é a posibilidade de acceder a datos clínicos de
calidade, mostras biolóxicas e desenvolver proxectos de investigación
translacional e de avaliación de resultados en saúde.
Neste momento están
en marcha proxectos encamiñados a optimizar as estratexias preventivas: como o
estudo COLONPREV (compara o test de sangue oculto en feces coa colonoscopia); o
estudo europeo EPOS (compa diversos intervalos de vixilancia tras a resección
de pólipos colorrectais) e o estudo POLYPREV (compara a colonoscopia co test de
sangue oculto en feces tras a resección de pólipos).
Ademais dentro
do estudo PERSIST, con financiamento de fondos europeos, colaboran na
avaliación do uso de novas tecnoloxías nos sobreviventes de cancro colorrectal
para mellorar os resultados en saúde.
En canto ao
tratamento dos tumores dixestivos, a participación en ensaios clínicos permite
ofrecer fármacos en fases iniciais, achegando novas opcións de tratamento para
os pacientes de Ourense.
Novas metas e
obxectivos
Dentro do
diagnóstico e prevención do cancro colorrectal, GIODO está involucrado en dúas
liñas de investigación prioritarias de plena actualidade: A validación ou
desenvolvemento de biomarcadores diagnósticos, en colaboración tanto con outros
grupos de investigación como con empresas tecnolóxicas nacionais; e o deseño de novas tecnoloxías para mellorar
a colonoscopia. Esta última un proxecto 100% ourensán que aplica a intelixencia
artificial no recoñecemento de pólipos. Trátase de POLYDEEP, un estudo en colaboración
co grupo SING da Escola Superior de
Enxeñaría Informática do Campus de Ourense.
Entre os seus
novos obxectivos, ademais de reforzar a súa posición contratando talento especificamente
para proxectos de investigación por medio de novos contratos de investigación a
medio prazo, Joaquín Cubiella destacou que
a posta en marcha dun laboratorio de investigación no Hospital Universitario de
Ourense, en colaboración coa Fundación Biomédica Galicia Sur, abre unha xanela
de oportunidaden para xerar unha liña de investigación traslacional no campo do
diagnóstico e prevención do cancro colorrectal, concretamente no descubrimento
e validación de biomarcadores diagnósticos do cancro colorrectal.
“Pretendémonos
situar dentro do ecosistema de investigación e innovación galego como un referente
no noso ámbito de coñecemento” di o Dr. Cubiella, que destaca que coas novas instalacións,
moitos dos traballos con mostras, que ata agora derivan fora, poderán ser
asumidos directamente en Ourense, xerando a súa vez novas oportunidades
Para o
responsable de GIODO “É imprescindible que sexamos capaces de atraer a máis
profesionais sanitarios ás labores de investigación, e que inclúan dita
actividade dentro da súa actividade
diaria” xa que, subliña, “desde unha perspectiva de sanidade pública, temos un
compromiso coa sociedade para a que traballamos. Debemos manter unha
comunicación continua e honesta sobre os proxectos en marcha e os seus
resultados”. Neste sentido, Cubiella agradeceu a colaboración desinteresada e o
alto grao de resposta dos pacientes da provincia, nos proxectos de
investigación nos que lles propoñen participar.