A XUNTA ADXUDICA A CONTRATACIÓN DA REDACCIÓN DO PROXECTO BÁSICO E DE EXECUCIÓN E DIRECCIÓN DA OBRA DE AMPLIACIÓN E REFORMA DO CENTRO DE SÁUDE DE MEIRA POR UN IMPORTE DE 127.000 EUROS
30 12 2022

A Consellería de Sanidade publicou, na súa páxina web, a adxudicación da contratación dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección da obra de ampliación e reforma do centro de saúde de Meira, na provincia de Lugo, á empresa Ezcurra e Ouzande, por un importe de 127.050 euros.

Con esta obra, o Executivo galego pretende a ampliación da área do centro de saúde para resolver necesidades de espazo, coa dotación dunha consulta de enfermería de pediatría, unha sala de toma de mostras, unha de técnicas, unha sala polivalente, así como mellorar a área de admisión e crear un área de persoal, con sala de estar, biblioteca e vestiarios.

Tamén se pretenden mellorar as instalacións do Punto de Atención Continuada en canto á recepción/admisión, sala de espera de pacientes, área de persoal, e unha sala de críticos, para unha superficie total de ao redor de 410 metros cadrados.

Sinalar que o número de tarxetas sanitarias adscritas a esta infraestrutura sanitaria  sitúase en torno ás 1.780 como centro de saúde e 10.000 como PAC.

Aposta firme pola atención primaria

Tal e como se recolle no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que elaborou a Xunta de Galicia, o Goberno galego ten establecida unha folla de ruta que mostra a súa aposta firme e decidida polo primeiro nivel asistencial, elaborando este documento que contempla a posta en marcha de 37 centros de saúde e a ampliación ou reformas noutros 14 xa existentes. 

Este plan formula un horizonte para a atención primaria dos vindeiros anos, establecendo prioridades que están a permitir centrar os esforzos e acelerar os procedementos necesarios para facer realidade os proxectos que formula e que a atención primaria en particular, e a sanidade pública en xeral, necesitan para continuar medrando.

Infraestruturas de atención primaria na Área Sanitaria de Lugo

En particular, na provincia de Lugo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Carballedo, Sarria, Monterroso e O Saviñao.

Para continuar con este esforzo, o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado pola Xunta o pasado ano, contempla, no caso da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, a construción de seis novos centros de saúde e seis reformas e ampliacións. 

Así, a fase 0 do Plan recolle a construción do novo Centro de Saúde de Antas de Ulla, do que está aprobado xa o proxecto arquitectónico e cuxa obra será encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). 

Na fase 1 contémplanse novos centros en Pantón, Ribadeo e no barrio do Sagrado Corazón en Lugo, así como a reforma do centros de saúde de A Milagrosa en Lugo (licitada a redacción de proxecto) e a reforma de Outeiro de Rei (asinado protocolo).  

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde