A XUNTA CONVOCA A MAIOR OFERTA DE CONTRATOS FIXOS DA SÚA HISTORIA PARA PERSOAL DO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO DE GALICIA
02 01 2023
O Diario Oficial de Galicia publicará  esta semana as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde coa convocatoria de prazas por concurso-oposición e por concurso de méritos para o ingreso en diversas categorías de persoal do sistema sanitario. Trátase da maior oferta de prazas da historia da sanidade pública galega.

As prazas convocadas ascenden a un total de 5.585 para traballar como persoal estatutario fixo nas institucións sanitarias e entidades adscritas ao Sistema Sanitario Público galego, sumando prazas tanto de taxa ordinaria como de taxa extraordinaria, polo sistema de concurso oposición e de concurso de méritos.

As convocatorias, que foron anunciadas no DOG o pasado mes de decembro, inclúen 192 prazas de médicos de familia, 150 delas no concurso oposición, e 42 por concurso de méritos, así como 498 facultativos especialistas de área-155 por oposición e 343 por concurso de méritos-. Tamén, se convocan 32 prazas de médico de urxencias por concurso oposición.

En total, as convocatorias inclúen máis de 2.000 prazas de enfermaría -2.015-. As prazas por concurso oposición inclúen 1.556 prazas para esta categoría, mentres que o concurso de méritos contempla 459 enfermeiros. 

3.777 prazas por concurso-oposición

O mércores, 4 de xaneiro o DOG publicará a convocatoria de prazas por concurso oposición para persoal estatutario. Serán un total de 3.777 prazas de 55 categorías distintas. Delas, 760 prazas corresponden á oferta de emprego pública extraordinaria de estabilización do emprego temporal do Sergas prevista no Decreto 81/2022 do 25 de maio; o resto das prazas corresponden ás ofertas ordinarias de 2020, 2021 e 2022.

Por estamentos, das 330 prazas que corresponden a licenciados sanitarios, 150 serán para médicos de familia, e 155 para facultativos especialistas de área.

As prazas correspondentes a diplomados sanitarios ascenden a 1.802, das cales un total de 1.556 corresponden á categoría de enfermaría. Así mesmo, a oferta contempla 803 prazas para técnicos sanitarios de formación profesional, das cales 789 corresponden a técnicos en coidados auxiliares de enfermaría. Tamén, a convocatoria inclúe 842 prazas de persoal de xestión. 

O prazo de presentación de solicitudes é do 9 de xaneiro ao 9 de febreiro de 2023; mentres que os méritos a valorar serán os causados ata o 3 de xaneiro deste ano.

1.808 prazas por concurso de méritos

O xoves, 5 de xaneiro, o DOG publicará a convocatoria de prazas por concurso de méritos. Trátase dun total de 1.808 prazas para persoal estatutario correspondentes a 97 categorías distintas (3 para persoal investigador). Estas prazas  constan nos Anexos II e III do Decreto 81/2022 do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Por estamentos, das 1.808 prazas, un total de 435 son para licenciados sanitarios, mentres que 486 corresponden a diplomados; 417 a técnicos sanitarios de formación profesional,  436 a persoal de xestión e servizos e 34 a persoal investigador.

Entre as 435 prazas para licenciados sanitarios se inclúen 42 especialistas en Medicina Familiar, 32 médicos de Urxencias e 8 médicos coordinadores do 061; así coma 24 facultativos especialistas en Pediatría, 23 en Psiquiatría ou  14 en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, entre outros.

Ademais, a convocatoria de prazas por concurso de méritos inclúe tamén 459 enfermeiros, 277 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría, 51 técnicos en farmacia e 119 celadores.

O concurso é de acceso libre. Valoraranse de xeito prioritario os servizos prestados en hospitais, centros de saúde e entidades do sistema público de saúde de Galicia, polo que todo o persoal do Sergas con vínculo temporal deberá participar. 

O prazo de presentación de solicitudes para estas prazas é do 16 de xaneiro ao 16 de febreiro de 2023. Os méritos a valorar serán os causados ata o 4 de xaneiro de 2023.

Redución da taxa de temporalidade 

Estas convocatorias, que se resolverán como máximo en dous anos, teñen por obxecto controlar e reducir a taxa de temporalidade no Sistema Sanitario Público de Galicia, para rebaixar a taxa actual e acadar no ano 2024, trala execución dos procesos previstos unha taxa por debaixo do 8%, como marca a Lei 20/2022. 

Para acadar ese obxectivo, establécense dous sistemas de selección, o sistema de concurso-oposición con dúas fases, a de oposición, na que os aspirantes deberán superar os exames, sendo suficiente para aprobar o exercicio eliminatorio obter o 35%  da puntuación, e, tamén, unha fase de concurso de méritos, na que se valoran, fundamentalmente, os servizos prestados así como outros méritos do currículo; e o sistema selectivo de concurso de méritos, no que teñen preminencia os servizos prestados no sistema público de Galicia, co dobre de puntuación. 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde