GALICIA DETECTA CATRO CASOS DA VARIANTE XBB.1.5 DA COVID
19 01 2023

A Consellería de Sanidade detectou catro casos da sublinaxe XBB.1.5 do coronavirus en Galicia, dous deles na área sanitaria da Coruña e os outros dous na de Pontevedra. Ningún destes casos se atopa hospitalizado. A Dirección Xeral de Saúde Pública sinala que, coa información epidemiolóxica dispoñible, non se prevé que esta nova variante teña consecuencias máis graves que as variantes circulantes ata o momento.

Chamamento á vacinación

O departamento sanitario galego volve facer un chamamento á vacinación e sinala que, para a xente que aínda non teña posta a cuarta dose, hai 29.000 citas dispoñibles semanais para adultos e 1.100 para nenos e nenas no sistema de autocita, nos lugares e horarios que se poden consultar no seguinte enderezo:

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Vacinacion-Covid-OC. 

É importante facer o proceso de xestión da cita previa antes de ir aos puntos de vacinación, para que as persoas que acudan non teñan que agardar.

Galicia segue a ter as mellores taxas de España de vacinación. Así, é a primeira en porcentaxe de vacinación con doses de recordo en maiores de 80 anos, cun 86,31%; tamén na franxa de 70-79 cun 81,56%; e en 60-69, cun 71,48%.

Sinalar, así mesmo, que a nosa comunidade autónoma continúa a monitorizar a aparición de novas variantes grazas a que, no ano 2022, incrementouse a capacidade de secuenciación de Galicia a máis do triplo, secuenciándose preto de 13.000 mostras. Neste ano, cóntase con secuenciar de 500 a 700 mostras á semana.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde