GALICIA AMPLIARÁ ESTE ANO A VACINACIÓN PARA MAIORES INCORPORANDO A VACINA DO HERPES ZÓSTER E MELLORANDO A DO NEUMOCOCO
24 01 2023

“A partir do mes de xuño a  Xunta comezará a administrar a vacina contra o herpes zóster por grupos de idade. Ata o de agora só se administraba a determinados grupos de risco e agora imos ampliala comezando este ano polos maiores que cumpran 65 e 80 anos”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa compareceu no Parlamento de Galicia, a petición propia, para dar conta dos programas de prevención de saúde pública.

Tamén anunciou o conselleiro que a vacina contra 13 serotipos de neumococo que a Xunta introduciu no 2017 será substituída por unha nova vacina contra 20 serotipos distintos, logrando a máxima protección para os maiores galegos contra a neumonía e outras doenzas como as infeccións de oído ou a bacteriemia.

Tal e como incidiu o conselleiro, en setembro do pasado ano a Xunta creou o Calendario de vacinación para toda a vida, con importantes novidades para a poboación infantil, como é a incorporación da vacinación sistemática fronte ao virus do papiloma humano nos varóns de 12 anos. Esta vacinación contra o VPH, que comezou en setembro, posibilitou que en tan só catro meses, “logramos vacinar a 6.079 nenos de 12 anos, así máis da metade dos nenos de 12 anos están xa protexidos contra este virus”.

A outra gran incorporación ao calendario infantil foi a vacinación sistemática fronte ao meningococo B. Deste xeito, en novembro pasado Galicia comezouse a administrar esta vacina a todos os nenos e nenas de dous meses, que repetiremos, -dixo o conselleiro-, cando cumpran catro meses e terán outra dose de recordo aos 12 meses de idade. “A introdución desta vacina fixo que a cobertura acadada neses meses sexa de aproximadamente o 100%, é dicir 2.907 nenos e nenas protexidos contra a meninxite B grazas a esta medida da Xunta”.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Comesaña destacou, así mesmo, que na campaña de vacinación fronte á gripe de 2022, Galicia foi unha das comunidades pioneiras na introdución dos nenos e nenas de 6 a 59 anos como poboación diana. O resultado desta primeira experiencia foi moi positivo, -remarcou o conselleiro-, “conseguindo vacinar a 37.472 nenos e nenas de entre seis meses e cinco anos”.

Tamén destacou o máximo responsable da sanidade pública galega que, na campaña de vacinación da gripe, a Xunta vacinou ao 76,85% dos maiores de 65 ou máis anos, “acadando a maior porcentaxe de maiores protexidos fronte ao virus da gripe da historia de Galicia”, e superando o obxectivo ambicioso marcado dunha cobertura do 75% neste grupo de idade, cando hai dez anos o obxectivo da campaña era chegar ao 65% desta poboación e acadárase o 50%.

No apartado de vacinación da covid, o conselleiro remarcou os resultados da administración da segunda dose de recordo da covid, “que reflicten que Galicia acada unhas coberturas moi por riba da media nacional”. Así, en maiores de 80 anos, a nosa comunidade ten un 86,6% de poboación vacinada, o que supón 12 puntos por riba da media do Estado. No grupo de 70 a 79, Galicia está no 82% de cobertura, o que supón 21 puntos do riba da media estatal; e no grupo de 60 a 69 Galicia, cun 72%, supera en 30 puntos a media nacional.

Novos cribados

No apartado dos programas de cribado para a detección precoz de enfermidades, o conselleiro de Sanidade dixo que “Galicia iniciará nesta lexislatura a pilotaxe de novos cribados de cancro de pulmón e próstata”, tras finalizar a extensión a todo o territorio do cribado de cancro de cérvix dos anos antes do fixado pola Unión Europea.

A este respecto, Comesaña anunciou que este ano o seu departamento presentará o Plan Inspira Saúde, que é unha estratexia integral do consumo de tabaco, que inclúe, entre as súas liñas estratéxicas, a detección precoz do cancro de pulmón utilizando ferramentas de intelixencia artificial que facilitan a identificación das persoas con maior risco de padecer este cancro e maximiza a efectividade e eficiencia deste cribado. No caso do cancro de próstata, Galicia participará nun proxecto europeo para a estratificación do risco de padecer este tipo de cancro e a pilotaxe dun cribado en base a dito risco.

Tamén anunciou o conselleiro avances nos cribados de enfermidades conxénitas do metabolismo que se detectan a través do Programa de cribado neonatal. Así incorporaranse tres novas patoloxías ao mesmo, que son a atrofia medular espiñal, a inmunodeficiencia combinada grave e a hiperplasia suprarrenal conxénita, cun investimento de 250.000 euros para o equipamento de laboratorio. O obxectivo da Xunta neste apartado “é iniciar xa o trámite dun decreto que dote a este programa dunha regulación propia e dun sistema de avaliación que determine a incorporación de novas patoloxías”.

Igualmente neste ano, a Xunta presentará un proxecto de lei de prevención de condutas aditivas en persoas menores de idade en Galicia. Será, -remarcou Comesaña-, “un texto avanzado para unha sociedade que está cada vez más vixiante e concienciada en dificultar o acceso dos nosos menores a elementos que poden prexudicar gravemente a súa saúde”. Tamén será un texto adaptado ás novas realidades das adicións sen substancia, coordinado coa lei do xogo “e abordando a prevención e atención a outras adicións relacionadas coas tecnoloxías dixitais”.

Compromiso coa saúde pública firme e decidido

Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor “o traballo rigoroso e constante da inspección da saúde pública de Galicia” que, durante a fase aguda da pandemia, tivo moito protagonismo cando efectuaron, con moito éxito, a campaña de hostalaría segura. O obxectivo da Xunta para este ano é acadar da Entidade Nacional de Acreditación a primeira acreditación de calidade que se concede en España a un servizo de inspección de saúde pública. Pretendemos que a saúde pública, -dixo o conselleiro-, “sexa tamén referente en España no que se refire á calidade acreditada da súa actividade inspectora de vixilancia e control”.

Para rematar a súa intervención, o titular da carteira sanitaria remarcou que “o compromiso da Xunta coa saúde pública é firme e decidido”. O investimento neste apartado conta con importantes aumentos no programa de vacinación ou no apartado de fortalecemento da estratexia de cribados, ao igual que na dotación orzamentaria dos distintos plans. Por iso trasladoulle a toda a cidadanía galega “que gozan dun sistema sanitario público robusto que non só pon o foco na parte do tratamento das patoloxías, senón que tamén traballa arreo pola prevención e detección destas”.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde