O CENTRO DE SAÚDE DE VERÍN CONTARÁ DENDE HOXE CUN SEGUNDO PEDIATRA
08 02 2023

"Dende hoxe mesmo o centro de saúde de Verín contará cun segundo pediatra”. Así o anunciou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en resposta a unha pregunta do Bloque Nacionalista Galego, sobre o servizo de pediatría na comarca de Monterrei.

O novo pediatra prestará servizo de maneira temporal, ata a incorporación da profesional en excedencia, -dixo o conselleiro-. Esta nova incorporación permitirá reducir as intersubstitucións e as prolongacións de xornada que viña facendo a doutora en activo, “permitindo ao novo pediatra asumir o terceiro cupo e parte do da profesional en excedencia”.

“A cidadanía da comarca de Verín pode estar tranquila, xa que, este mesmo ano, sacaremos unha nova convocatoria de prazas de difícil cobertura, na que incluiremos prazas de pediatría de primaria”, grazas a unha lei da Xunta á que o partido que realizou esta pregunta parlamentaria se opuxo, -dixo o conselleiro-.

Comesaña destacou o bo facer da pediatría que a día de hoxe presta consulta no centro de saúde de Verín, “que fai que o 100% dos cativos que queiran acudir ao pediatra atopen cita en dous días”.

Atención pediátrica garantida

Na súa intervención no Pazo do Hórreo o conselleiro subliñou que a pediatría de atención primaria é unha das especialidades máis deficitarias xunto con medicina de familia, “por iso resulta complexa a cobertura destas prazas no conxunto do Estado”.

A día de hoxe, o centro de saúde de Verín ten dotadas tres prazas de pediatría para unha poboación de 2.050 tarxetas sanitarias. Tal e como explicou o conselleiro, unha desas prazas é unha vacante que foi ofertada reiteradamente e sempre quedou baleira pola falta de pediatras nas listas de substitución. As outras dúas prazas atópanse cubertas por dúas especialistas e unha delas ten unha excedencia por servizos especiais, xa que é cooperante dunha ONG en África, onde está a traballar ata o mes de maio.

No caso de que exista unha urxencia, “todos os nenos e nenas da comarca teñen garantida a atención pediátrica acudindo ao hospital comarcal, onde dous pediatras atenderán aos cativos”. Polo tanto, dixo Comesaña, “a atención dos cativos na comarca está garantida por ambas canles, tanto por primaria como por hospitalaria, e sen necesidade de ter que desprazarse a Ourense”.​

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde