UN TOTAL DE 26 DOS MÁIS DE 100 PACIENTES INTERVIDOS POLO EQUIPO DE ULTRASÓNS DE FRECUENCIA FOCALIZADA SON DE FÓRA DE GALICIA
07 03 2023

“Un total de 26 dos máis de 100 pacientes intervidos polo equipo de ultrasóns de frecuencia focalizada (HIFU) son de fóra de Galicia. Dende a súa posta en marcha no ano 2021, realizáronse xa 110 intervencións”. Nesa data, o Sergas converteuse no primeiro sistema público de saúde de España, e nun dos primeiros de Europa, en contar cun equipo de ultrasóns de frecuencia focalizada para o tratamento contra o párkinson e o tremor esencial. Estes datos foron destacados hoxe polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na reunión do grupo de estudo de trastornos do movemento da Sociedade Galega de Neuroloxía, na que se abordou as indicacións e protocolos de derivación para o HIFU.

Na xuntanza, que contou coa presenza de José María Prieto, xefe de servizo de Neuroloxía da área sanitaria de Santiago e presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía, así como dos xefes de servizo desta especialidade do resto dos hospitais de Galicia, o conselleiro remarcou que “Galicia é unha referencia neste campo da medicina”, e como exemplo puxo o Plan galego de atención ao ictus, que supuxo a creación dunha rede de atención para toda a comunidade, cunha xestión que funciona como unha única área para toda a comunidade. Así, -dixo Comesaña-, “dende que a Xunta puxo en marcha esta iniciativa, o número de códigos activados xa supera a cifra de 13.800”.

Na actualidade, Galicia conta con tres unidades de ictus emprazadas nos hospitais universitarios de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, e os de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Burela e Povisa contan con cadanseu equipo ictus. Ao respecto, o máximo responsable da sanidade pública galega anunciou que “a Xunta está dando os pasos para crear unha cuarta unidade de ictus no Hospital Universitario de Lugo”.

Comesaña subliñou “os excelentes servizos de Neuroloxía que ten o Sergas en cada unha das áreas sanitarias”, e dixo que o Hospital Clínico de Santiago é referencia no ámbito da epilepsia refractaria, unha das oito que hai en España, e tamén para a esclerose múltiple e a cirurxía dos trastornos do movemento. Así mesmo, a consulta de trastornos do movemento do Servizo de Neuroloxía da área de Pontevedra e Salnés foi a primeira unidade acreditada a nivel nacional para consulta monográfica de trastornos do movemento.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu á Sociedade Galega de Neuroloxía por converter a Galicia nunha referencia nesta disciplina.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde