​PRETO DO OITENTA POR CENTO DAS PROFESIONAIS DA SANIDADE PÚBLICA DE OURENSE SON MULLERES
08 03 2023

Con preto do 80% do seu cadro de persoal composto por mulleres, e presenza maioritaria nos centros de saúde, hospitais e na práctica totalidade de profesións, servizos asistenciais e na dirección, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras celebra hoxe o Día Internacional da Muller e súmase aos obxectivos das Nacións Unidas neste 71 aniversario.

Este día ten por obxectivo promover a igualdade, o liderado da muller e a eliminación de calquera discriminación para conseguir a súa plena participación na sociedade, nas mesmas condicións que os homes, e serve para conmemorar o importante camiño percorrido, polas mulleres que nos precederon, ademáis de lembrar a existencia de desigualdades en numerosos  países do mundo, onde a muller ten que loitar e defender, incluso o seu dereito a educación. 

A presenza da muller no sector saúde é unha conquista social, que crece de ano en ano, rompendo barreiras de especialidades e profesións, ata chegar a unha participación maioritaria. Na nosa Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras as mulleres representan xa o 63% do persoal facultativo, e teñen presenza en todas as especialidades médicas.

Maioría por centros e futuro en feminino

Por centros no Hospital Universitario de Ourense as mulleres representan o 79,5%; no Hospital Público de Valdeorras o 78,7%, no de Verín o 78,7% e en Atención Primaria o 73,2%.

A súa presenza entre o persoal médico e facultativo, minoritario hai só uns anos na maioría de especialidades, supera xa o 50% en todos os hospitais e atención primaria: O 63.6% no hospital de Ourense, o 50.8% no de Valdeorras, o 60.7% no de Verín e o 64,3 en Atención Primaria.

O futuro tamén semella ser feminino cunha importante maioría de residentes de ata o 76% en hospitalaria e do 70% en primaria.

Menos velocidade nos postos de responsabilidade

Unha das asignaturas pendentes na integración laboral da muller segue a ser a súa incorporación a postos de responsabilidade, así segundo os datos do cadro de persoal,  a presenza da muller na dirección, xefaturas ou postos de supervisión e coordinación en hospitais e centros de saúde é do 60% -moi inferior a súa presenza global-  e baixa ainda máis nas xefaturas de servizo ou sección de persoal facultativo: Do 38.7% en hospitalaria e o 35% en primaria.

A igualdade avanza tamén nalgunhas profesións históricamente con maioría, como a enfermería. En 2023 os homes representan xa o 17% do persoal de enfermeiro en atención hospitalaria e preto do 13% en primaria.

Por categorías profesionais, a maior porcentaxe de persoal feminino é a de técnicos de coidados auxiliares de enfermería (TCAE) e auxiliares de clínica, practicamente formado integramente por mulleres, con  só un 3,7% son homes.

Fora dos números, compre recoñecer e visibilizar a aportación de todas as profesionais, sen as que a atención sanitaria á poboación sería imposible, e celebrar o coraxe e a determinación de moitas que rompendo teitos de cristal, abriron as portas a todas as profesións dentro das ciencias da saúde, servindo de exemplo real ás xeracións máis novas e modelo aos paises nos que ainda deben loitar polos seus dereitos.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde