​XUNTA E CONCELLO DA GUDIÑA INVESTIRÁN 47.000 EUROS PARA ARRANXAR OS PROBLEMAS DE FILTRACIÓNS DE AUGA NO CENTRO DE SAÚDE
02 04 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de A Gudiña,  José María Lago, asinaron esta semana un convenio de colaboración no que establecen as obras de reforma necesarias para arranxar os problemas de filtracións de auga que vén sufrindo o centro de saúde. 

As obras consistirán en desmontar parte da cuberta de lousa de pizarra do teito, retirada de rastreis vellos e reposición de lousa na cuberta de toda a edificación, así como na retirada de cumios, limas e aluminio deteriorado na luceira e a súa reposición e tamén substitución de todas as canles do teito e baixantes.

No acordo, ambas partes comprométense a cofinanciar esta actuación, ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o concello será o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, co tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde da Gudiña contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para este ano, a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-.  En particular, o Concello da Gudiña recibiu no 2022 a cantidade de 23.709 euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 112 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o da Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas da Peroxa (Os Peares), Carballeda de Avia e Ribadavia, mentres que se atopa iniciada a reforma no centro de saúde de Arnoia. 

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 M€ para 36 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse nesta área sanitaria centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castrelo de Miño, Baltar, Vilar de Barrio, Castro Caldelas, Riós ou Sarreaus.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora financiando as actuacións cando hai que facer reformas. 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde