​O 061 DE GALICIA ASISTIU 81 PERSOAS POR 68 ACCIDENTES DE TRÁFICO DURANTE A PONDE DO DÍA DO TRABALLO
02 05 2023
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Ponte do Día do Traballo 81 persoas debido a 68 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 28 de abril, ata as 23,59 horas do luns, 1 de maio. O sábado foi o día que rexistrou máis sinistros, con 25 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 75 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 68 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 81 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 62,5% e do 37,5% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 32,5% dos atendidos tiña entre 40 e 54 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 28 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia

Accidentes

A Coruña

28

Lugo

6

Ourense

13

Pontevedra

21

Galicia

68

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 79. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 67 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en catro accidentes.

En 70 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 11 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde