A ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE, A FUNDACIÓN PROFESOR NÓVOA SANTOS E A ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO FIRMAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA POR EN MARCHA O PROGRAMA DE REHABILITACIÓN DO PACIENTE ONCOLÓXICO
03 05 2023
Esta mañá tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración entre a Área Sanitaria da Coruña e Cee, a Fundación Profesor Nóvoa Santos e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) para levar a cabo o programa de “Rehabilitación do paciente oncolóxico”.

A duración da firma deste acordo será dun ano, podendo prorrogarse por mutuo acordo das partes por períodos de 12 meses.

O presente convenio de colaboración regula a financiación por parte da Asociación Española Contra o Cancro para levar a cabo o programa de “Rehabilitación do paciente oncolóxico” dirixido a desenvolver os proxectos de investigación clínica e docencia, así como de mellora da calidade asistencial, dos servizos clínicos da Área Sanitaria da Coruña e Cee que prestan atención a pacientes oncolóxicos.

Programa de rehabilitación oncolóxica

O aumento da prevalencia do cancro, da supervivencia e da media de idade poboacional, fan que cobre unha maior importancia o papel da rehabilitación na atención integral dos pacientes oncolóxicos.

O modelo actual de sanidade, que avoga por unha de mellora da calidade asistencial, fai que o traballo interdisciplinar dos servizos de oncoloxía e rehabilitación sexa fundamental para o benestar dos pacientes diagnosticados de cancro, que deben enfrontarse a un longo proceso terapéutico e a un período de convalecencia que nalgúns casos poden abarcar a vida restante do individuo, atendendo non só aos aspectos clínicos, senón tamén aos déficits de funcionalidade que se poidan orixinar ao longo de dito proceso.

Asociación Española Contra o Cancro

A Asociación Española Contra o Cancro é unha entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos, de carácter non lucrativo e declarada de utilidade pública dende o ano 1970, que integra a pacientes, familiares, voluntarios e profesionais, traballando para diminuír o impacto do cancro nas persoas e o seu entorno. No seu ADN está apoiar e acompañar aos pacientes e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, traballar na prevención do cancro, e mellorar o futuro das persoas co impulso da investigación oncolóxica.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde