As infeccións relacionadas coa atención sanitaria (IRAS) teñen un impacto,
non só sobre o paciente, senón tamén económico, tanto pola prolongación da
estancia como polo tratamento antibiótico que recibe, sen esquecer tamén a
repercusión que ocasiona nos familiares.
En España, o estudo ENEAS (Estudo Nacional de Eventos Adversos) indica que as
IRAS representan o 25% dos efectos adversos derivados da estancia hospitalaria,
e considera que ao redor do 50% son prevenibles. I é aquí onde todos os
profesionais sanitarios, familiares e acompañantes podemos actuar. Coñecendo
que o principal mecanismo de transmisión dos xermes son as mans do persoal, non
cabe dúbida de que a hixiene de mans é a principal medida preventiva, ademais
de barata e sinxela, para evitar a adquisición destas infeccións. Con todo,
está máis que comprobada a baixa adherencia do persoal sanitario á hixiene de
mans.
Neste sentido, e co obxectivo de mellorar o coñecemento dos traballadores, a
Área Sanitaria da Coruña e Cee, celebra mañá venres a Xornada Mundial da
Hixiene de Mans, enmarcada dentro das actividades promovidas pola OMS e o
SERGAS para a seguridade do paciente, sendo este ano o obxectivo principal da
campaña a mellora da práctica da hixiene de mans para deter a propagación á
resistencia aos antibióticos e, deste xeito, protexer aos pacientes de
infeccións que poidan incrementar a súa morbi-mortalidade. O slogan deste ano é
“Aceleramos a acción entre todo@s”.
Durante a xornada distribuiranse folletos informativos sobre indicacións e
técnica de hixiene de mans e entregaranse a todos os profesionais solucións de
base alcohólica de peto, para que así realicen o devandito procedemento alí
onde estean, sen necesidade de depender de auga e xabón.
A hixiene das mans é unha das maneiras máis
eficaces e económicas de previr mortes innecesarias. Esta práctica hixiénica
reduce en máis dun 40% o número de mortes debidas á diarrea e nun 25% o número
de casos en infeccións agudas das vías respiratorias. É unha actividade que xa
moitos temos arraigada na nosa rutina diaria.
Todos, dende a nosa infancia, fomos educados para
que na nosa vida cotiá nos lavemos as mans, e en determinadas circunstancias
laborais a concienciación de realizar este acto aínda é maior; esta acción
cobra una importancia vital sobre todo en verán, cando as atencións por
enfermidades de contaxio vía alimentación se multiplican debido á pouca
atención que lle prestamos a esta necesaria práctica, xa que debemos ter en
conta que as nosas mans son o contacto co exterior, e por esa mesma razón, son
as que levan contaminantes ao noso interior. Un xesto tan simple como lavarse
as mans con auga e xabón pode ser a clave para a supervivencia de millóns de
persoas.
Para poder alcanzar o obxectivo é necesario asegurar un compromiso, non só dos
traballadores, senón tamén por parte do equipo directivo, xa que é importante
que os profesionais perciban que a estratexia de hixiene de mans constitúe unha
prioridade nos distintos centros que forman a Área Sanitaria da Coruña e Cee. Compromiso
máis que alcanzando desde a creación do Grupo de Mellora de Hixiene de Mans no
ano 2009, mediante a posta en marcha de diferentes estratexias dirixidas á
adhesión da hixiene de mans, como a localización de solucións de base
alcohólica no punto de atención e formación do persoal involucrado na atención
sanitaria.