A XUNTA AGRADECE O LABOR DOS PROFESIONAIS SANITARIOS E DA FEDERACIÓN ALCER GALICIA NA ELABORACIÓN DO PROCESO ASISTENCIAL INTEGRADO DA ENFERMIDADE RENAL CRÓNICA
05 05 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu esta mañá no centro de saúde Mariñamansa de Ourense, á presentación da proba piloto do Proxecto Galion, o procedemento multidisciplinar no que traballan profesionais do ámbito sanitario, social e asociativo, co ánimo de desenvolver un Proceso Asistencial Integrado (PAI) para os pacientes que sofren algunha Enfermidade Renal Crónica. 

O obxectivo principal do proxecto é acadar unha asistencia integral e de calidade para a prevención e o tratamento desta doenza. Así, situando ao pacientes renais crónicos como eixo do proceso, este permitirá abordar á enfermidade dun xeito homoxéneo e estandarizado, desde a aparición dos primeiros factores de risco e problemas renais, ata calquera dos estadios do proceso clínico do paciente.

García Comesaña remarcou que unha das novidades máis salientables deste Proceso Asistencial Integrado (PAI), e que situará a Galicia na vangarda da atención a enfermidade renal crónica, será a posta en marcha dun algoritmo automatizado para a detección precoz desta enfermidade por medio da historia clínica electrónica. Ademais,  tamén precisou que se desenvolverán “pilotos de solucións prácticas”, para acelerar os cambios nos procesos asistenciais, así como para levar a cabo a súa escalabilidade ao conxunto de centros do Servizo Galego de Saúde.

O proxecto está dirixido tanto ás persoas en risco de desenvolver unha enfermidade renal crónica, como a aquelas que xa a padecen na actualidade. Neste senso, o titular da carteira sanitaria da Xunta salientou que o que se pretende “é ser capaces de realizar un diagnóstico precoz dunha enfermidade que, segundo datos da Sociedade Española de Nefroloxía, ten unha prevalencia de 1.295 pacientes por cada millón de habitantes, e onde se estima que existe un infradiagnóstico dun 40%”.

Máis polo miúdo, entre os obxectivos específicos do Proceso Asistencial Integrado (PAI) atópanse: o  reducir o impacto da Enfermidade Renal Crónica entre a poboación galega; incrementar a súa detección temperá, controlar os factores de risco, e reducir a súa progresión a fases máis avanzadas; favorecer a colaboración e continuidade asistencial entre os distintos profesionais implicados no proceso, mellorar o acceso á información sobre a enfermidade e as diferentes alternativas terapéuticas; e establecer un programa de saúde renal para o conxunto da comunidade galega

Un proxecto multidisciplinar

Acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial; o subdirector xeral de Xestión Asistencial e Innovación do Sergas, Alfonso Alonso; e polo xefe de servizo do centro de saúde de Mariñamansa, José Luis Álvarez-López Muíño, o conselleiro de Sanidade puxo en valor o carácter multicisplinar (nefrólogos, médicos de familia, farmacéuticos ou especialistas en análises clínicos) do traballo desenvolto durante o último ano e medio por profesionais de todas as área sanitarias do Sergas, destacando o liderado da área sanitaria de Ourense no mesmo, e a participación fundamental da Federación ALCER-Galicia no desenvolvemento do proxecto.

Pola súa banda, o subdirector xeral de Xestión Asistencial e Innovación do Sergas, Alfonso Alonso, precisou que o  Proceso Asistencial Integrado de Enfermidade Renal Crónica “non se está a confeccionar como un modelo de xestión definitivo ou inmutable“,  senón que “está aberto ás propostas de mellora por parte dos profesionais” e que ademais conta coa flexibilidade necesaria para “adaptarse aos recursos e as distintas características organizativas e tecnolóxicas de cada área sanitaria”.

Neste momento, abundou Alonso “comeza unha nova fase, a denominada proba de concepto, que indicará se o proxecto deseñado precisa de axustes e tamén avaliará a carga de traballo que suporá a súa implantación”. 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde