SANIDADE DESTACA O PAPEL CLAVE DA ATENCIÓN PRIMARIA NA PREVENCIÓN CARDIOVASCULAR CONTROLANDO OS PRINCIPAIS FACTORES DE RISCO
05 05 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe o papel clave da atención primaria na prevención cardiovascular, controlando os principais factores de risco, e subliñou a aposta do Sergas por seguir incrementando a capacidade diagnóstica no primeiro nivel asistencial, “debido ao seu importante papel na prevención da enfermidade e no control e seguimento dos pacientes crónicos” para, deste xeito, evitar, a través de hábitos saudables e do control clínico, o desenvolvemento de patoloxías ou a aparición de problemas agudos. Así o puxo de manifesto o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, no acto de inauguración do 2º encontro Cardioloxía-Atención Primaria, que se celebrou no Hospital Álvaro Cunqueiro, e no que estivo acompañado polo xerente da área, Javier Puente.

No que atinxe á recuperación integral de pacientes que sufriron unha patoloxía cardíaca aguda, Comesaña destacou o labor da Unidade de Rehabilitación Cardíaca do Servizo de Cardioloxía de Vigo, posta en marcha en 2017, que atendeu a máis de 900 pacientes, “creando programas individualizados para cada un deles, orientados a previr os factores de risco cardiovascular”. O Sergas aprobou no 2021 un novo Plan funcional que dotará a esta unidade dun novo espazo que, grazas a esta ampliación, disporá dun completo ximnasio monitorizado, unha sala vital e zonas habilitadas para consultas e reunións.

Xunto ao anterior, Galicia conta neste campo da Cardioloxía con medidas que son un referente, como o Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (Progaliam), o Rexistro galego do infarto agudo de miocardio (Regaliam), ou o Programa Alerta Corazón do 061.

A nosa comunidade, -dixo Comesaña-, “segue a apostar pola tecnoloxía máis innovadora, contando cunha prestación consolidada en toda a rede do Sergas, como é a telemedicina”, destacando ao respecto a implantación da e-interconsulta, “que está en marcha nos servizos de Cardioloxía das sete áreas sanitarias, con preto de 28.000 beneficiarios no pasado ano”. 

Tamén incidiu, o titular da carteira sanitaria, na ferramenta tecnolóxica TELEA para o seguimento aos diferentes pacientes con doenzas cardíacas. Dende a súa posta en marcha beneficiáronse máis de 300 en toda Galicia, -concluíu Comesaña-.

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde