GARCIA COMESAÑA PÓN EN VALOR AS MELLORAS INTRODUCIDAS NA LÓXISTICA SANITARIA, APOSTANDO POR MODELOS MÁIS EFICIENTES E SUSTENTABLES
09 05 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta mañá en Santiago de Compostela o 10º Congreso CEL de Loxística Sanitaria, no que se abordaron as últimas novidades e as claves da xestión da cadea de subministro no ámbito sanitario.

Baixo o título “Sostenibilidad, Digitalización y Resiliencia: Claves de la Gestión de la Cadena de Suministro”, o salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu un encontro de profesionais da loxística sanitaria chegados de toda España, no que compartiron o coñecemento e as experiencias vencelladas coa loxística, o subministro e o abastecemento dos centros sanitarios.

Nado en febreiro de 2011, o Comité de Loxística Sanitaria creouse baixo a coordinación do Centro Español de Loxística (CEL) e o impulso dun destacado grupo de expertos na xestión loxística no ámbito sanitario, entre os que se atopaban profesionais do Servizo Galego de Saúde.

Durante a súa intervención, o titular da carteira sanitaria da Xunta salientou que o Servizo Galego de Saúde está a apostar por estratexias de economía circular coas que desenvolver un marco de actuación que incida nunha maior eficiencia, aforro de custes, e na redución da emisión de carbono e outros posibles impactos negativos para o medio ambiente.

Acompañado pola presidenta do Centro Español de Loxística, Ana González; a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro; e o presidente do Clúster da Fundación Loxística Galicia, Xoan Martínez; o conselleiro apuntou que “existe un compromiso total da Xunta cun sistema sanitario 100% resiliente, sostible e respectuoso co medio ambiente” remarcou García Comesaña.

Así, avogou por seguir avanzando na redución das perdidas vencelladas á obsolescencia ou aos excesos de stocks; na optimización das superficies dos almacéns; nos controis de caducidade e trazabilidade dos produtos, ou na progresiva informatización de procesos que contribúan a eliminar o uso abusivo de papel.

Comesaña tamén apuntou que outros dos eixos nos que se debe apoiar a loxística sanitaria é o das novas tecnoloxías e a dixitalización da cadea de subministro.” O Big Data, a Intelixencia Artificial, o Blockchain ou a Realidade Aumentada son conceptos que teñen que estar presentes de principio a fin no proceso loxístico, co obxectivo de acadar a calidade total”. 

Na mesma liña, subliñou que é fundamental levar a cabo unha planificación que reduza a dependencia estratéxica, apostando pola planificación, o desenvolvemento de plans de continxencia, a realización anticipada de análises de riscos, a diversificación da cadea de subministro ou a incorporación de sistemas automatizados.

Plataforma Loxística de Negreira

Galicia foi unha das comunidades pioneiras na implementación dunha xestión integral da loxística nos centros sanitarios, na procura de acadar un subministro correcto e áxil dos produtos sanitarios, ao tempo que incidía na eficiencia nos sus custes.

Así, no ano 2013 o Servizo Galego de Saúde ergueu na localidade de Negreira un centro loxístico que está a permitir a recepción, almacenaxe e distribución dos produtos sanitarios dun xeito áxil e eficiente. 

Caracterizada pola elevada automatización e produtividade, a Plataforma Loxística de Negreira conta cun sistema robotizado de almacenamento e secuenciación de contedores, o que posibilita preparar ata 12 pedidos de xeito simultáneo, e tamén, consolidar ata 80 pedidos á vez.

Estas capacidades, derivaron en que o Centro Español de Loxística (CEL), que hoxe organiza o seu 10º Congreso en Santiago, decidise  galardoar a Plataforma Loxística do Sergas co premio ao desenvolvemento da Xestión Loxística no ano 2018, dentro de la categoría de Loxística Hospitalaria. 

Este sistema de almacenaxe integral e centralizado tivo un papel protagonista no abastecemento dos centros sanitarios galegos durante a crise sanitaria provocada pola covid-19. Así, ademais de facilitar a toma de decisións, permitiu optimizar dun xeito axeitado o subministro dos produtos sanitarios ao conxunto das áreas do Sergas.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde