COMESAÑA AGRADECE AOS MÁIS DE 200 TRABALLADORES SOCIAIS DO SERGAS O SEU LABOR NO FORTALECEMENTO DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE
11 05 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu aos profesionais de traballo social sanitario o seu labor, sendo “peza fundamental no fortalecemento do sistema público de saúde e na ampliación das súas capacidades, contribuíndo a acadar unha atención integral e á mellora da accesibilidade e a equidade en saúde”. Así o destacou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, no acto de inauguración do XIV Congreso estatal da Asociación española de traballo social e saúde e o I Encontro ibérico de traballo social sanitario.

Neste acto, Comesaña remarcou que un dos principais obxectivos dos sistemas públicos de saúde é a mellora do benestar e a calidade de vida da poboación, proporcionando unha atención integral á cidadanía. Neste cometido, “os traballadores sociais xogades un papel moi destacado”. Cando unha persoa enferma, as implicacións non son só para a súa saúde, senón que poden supoñer unha sucesión de circunstancias ou problemas sociais e, neste punto, “é onde a intervención do traballador social é fundamental”.

En Galicia, -tal e como sinalou o responsable do Sergas-, “o traballo social está presente en todos os ámbitos do noso sistema de saúde, atención primaria, hospitalaria, saúde mental, atención á drogadicción ou coidados paliativos”. A súa función é imprescindible para orientar os plans terapéuticos, constituíndo un importante enlace nos modelos actuais de atención para importantes grupos de cidadáns como poden ser anciáns fráxiles, enfermos crónicos, persoas con problemas de adiccións ou grupos de especial vulnerabilidade.

“Na atención á saúde da poboación debemos ter unha visión sociosanitaria”, -remarcou Comesaña-, por iso en Galicia “estamos convencidos que o labor social non debe quedar ao marxe do labor asistencial dos servizos de saúde, debendo ser copartícipes”.

Máis competencias para os traballadores sociais e máis prazas

Tal e como detallou o conselleiro, a Xunta actuou en dous ámbitos, máis competencias para os traballadores sociais e máis prazas, “xa que estes profesionais teñen un papel clave na mellora do sistema sanitario no que a atención aos pacientes con necesidades sociosanitarias se refire”. Por exemplo, participando na implementación da Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade de 2018, ou coa actualizada carteira de servizos de Traballo Social Sanitario de Atención Primaria de Galicia.

Na actualidade, Galicia conta con xefaturas de traballo social en todas as áreas sanitarias e, grazas á implicación dos profesionais, “a Xunta está a fortalecer os cadros de persoal de traballo social sanitario no Sergas nos últimos anos, ampliando en máis de 50 as prazas dende 2019, ata acadar as máis de 200 coas que conta na actualidade, 105 en primaria e 106 en hospitalaria”. Estes profesionais, -incidiu Comesaña-, son claves na posta en marcha do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, que inclúe a creación de 29 novas prazas de traballadores sociais.

Na súa intervención, o conselleiro felicitou ao equipo da área sanitaria da Coruña, que lidera un programa sociosanitario de atención en saúde mental a colectivos vulnerables, e que o está a levar a cabo un equipo multidisciplinar, que inclúe a traballadores sociais.

Para rematar a súa intervención, Comesaña dixo que “os traballadores sociais son un dos eixos vertebradores das organizacións sanitarias e están chamados a desenvolver un liderado transformador, sendo a ponte entre a institución sanitaria e a comunidade”.

No acto de hoxe, o conselleiro estivo acompañado polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; así como pola presidenta da Asociación española de Traballo Social e Saúde, Agustina Hervás; pola concelleira de Igualdade, Benestar Social e participación do concello da Coruña, Yoya Neira; e pola presidenta do Consello Xeral de Traballo Social, Emiliana Vicente. Tamén asistiu ao acto o xerente da área sanitaria, Luis Verde. 

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde