GALICIA TERÁ O MAIOR NÚMERO DE MÉDICOS RESIDENTES EN MEDICINA DE FAMILIA DA SÚA HISTORIA
11 05 2023

Galicia terá, cun total de 174 prazas cubertas, 38 máis que o pasado ano, o maior número de médicos residentes en medicina de familia da súa historia, logo da quenda extraordinaria que hoxe realizou o Ministerio de Sanidade para cubrir as prazas vacantes desta especialidade. 

Sinalar que Galicia ofertou un total de 207 prazas MIR de Medicina Familiar e Comunitaria nesta convocatoria (un 45’8% máis que o ano pasado). A totalidade do resto das máis de 50 especialidades cubríronse ao 100%.

A Xunta de Galicia lamenta enormemente que se volva producir esta situación de prazas que quedan vacantes, nun momento no que existe un evidente déficit de profesionais nesta especialidade. Así, o Executivo galego pediulle ao Ministerio, en diferentes ocasións, que manter o actual sistema de elección de prazas representa un problema, dado que é un modelo que autolimita a capacidade de elección dos MIR, que teñen que preelixir todas as prazas. 

Cómpre remarcar que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remitiu unha carta, tanto ao actual ministro de Sanidade, José Miñones, como á persoa que o precedeu no cargo, Carolina Darias, reclamándolle que cambiara o sistema de elección das prazas MIR.

No caso de non volver a un sistema presencial, a Xunta considera que o proceso telemático debe realizarse coa máxima transparencia, garantindo o coñecemento en tempo real das prazas dispoñibles en cada momento por parte dos aspirantes.

Desde Galicia tamén se lle insistiu ao Ministerio, en repetidas ocasións, que non debera existir nota de corte no exame MIR, que este ano impediu elixir praza ao 15% do total de admitidos, preto de 1.900.

Galicia adoptou todas as medidas do grupo de traballo creado no ano 2017, no Consello Interterritorial, para solucionar a falta de médicos en determinadas especialidades e nas zonas rurais, e, ademais, as completou con outras, como foi a ampliación da posibilidade de permanencia dos profesionais no servizo activo a partir dos 65 anos; modificando a Lei de Saúde para permitir que profesionais extracomunitarios con formación MIR poidan incorporarse á función pública; creando a figura do contrato de continuidade; incrementando as prazas ofertadas en formación MIR, ou creando a categoría de facultativo especialista que ofrece aos médicos de familia un posto fixo a través do concurso de méritos.

Pola contra, o Goberno de España continúa sen cumprir os acordos unánimes que o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde adoptou hai xa seis anos, en maio de 2018, para abordar o problema de déficit de especialistas en medicina de familia ou pediatría de atención primaria, como a revisión dos criterios de acreditación das unidades docentes ou a flexibilización da normativa reguladora destes sistemas de acreditación para permitir crear máis prazas en todo o territorio.

Sinalar, así mesmo, que a Xunta, xunto con outros seis gobernos autonómicos, remitiu o ano pasado ao Ministerio de Sanidade un manifesto no que demandaba a execución urxente deses acordos. A primeira medida reclamada nese manifesto era a mudanza no sistema de elección de prazas para evitar que quedasen desertas. Sen embargo, esta demanda foi desestimada polo Goberno de España, a pesar de existir mandatos no mesmo sentido tanto do Congreso dos Deputados como do Parlamento de Galicia.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde