A ÁREA SANITARIA DE FERROL ÚNESE HOXE Ó DÍA DO NENO HOSPITALIZADO CON BICOS E GLOBOS
13 05 2023

​A Área Sanitaria de Ferrol sumábase esta semana ó Día do neno Hospitalizado, que se celebra hoxe sábado 13 de maio.  Profesionais de diversos servizos, fundamentalmente relacionados co andar de Pediatría, reuníronse na porta principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e xuntos botaron globos e mandaron bicos. Por outra banda, tamén acondicionaron o andar de xeito que os bicos eran os protagonistas destinados ós máis pequenos.

Sumáronse así a iniciativa da Sociedade Española de Pediatría Social, que impulsa as actividades neste día, que se establece ó tomar como referencia a Carta Europea sobre os Dereitos dos Nenos Hospitalizados, aprobada polo Parlamento Europeo o día 13 de maio do ano 1986. O obxectivo é sensibilizar a toda a sociedade e avanzar no proceso de humanización dos hospitais infantís; e animan conmemorar este día “lanzando bicos” en honra a todos os nenos que están ou estiveron algunha vez hospitalizados.

O desexo é render homenaxe a todos os nenos ingresados, ás súas familias, ós profesionais da saúde que lles curan e coidan, e ós distintos voluntarios que lles acompañan cada día para que a estancia no hospital sexa máis agradable. “É un día no que todos debemos dirixir as nosas miradas á infancia hospitalizada e ás súas familias, e analizar, como pediatras e profesionais da saúde, en que medida podemos avanzar, nun contexto de celebración, o recoñecemento e a garantía do cumprimento dos seus dereitos”.

PORQUE QUE SORRÍAN,

TAMÉN É URXENTE

FELIZ DÍA DO NENO HOSPITALIZADO,

UN MAR DE BICOS EN REDE!

Esta é a mensaxe e desexo dos e das profesionais que se suman a esta celebración.



Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde