DERMATOLOXÍA DO CHUF TRATA A ONCOLOXÍA EN CASOS ESPECIAIS NO ENCONTRO NACIONAL DESTA ESPECIALIDADE
17 05 2023

​O Servizo de Dermatoloxía da Área Sanitaria de Ferrol participaba activamente esta fin de semana no 50 Congreso Nacional de Dermatoloxía e Veneroloxía que tiña lugar en Santiago de Compostela entre os días 10 e 13 de maio. Así, este servizo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol participou con seis comunicacións científicas; moderou un taller de ecografía cutánea; e organizaron un dos simposios, sobre Oncoloxía en poboacións especiais, en colaboración co Hospital Puerta del Hierro de Madrid.

Precisamente sobre este simposio de oncoloxía dermatolóxica destacaba un dos dermatólogos da Área, Alejandro Vilas, Sueiro, que se fixo fincapé, entre outras moitas cousas, naquelas persoas de poboación non habitual, isto é, que por idade ou condición non son o perfil habitual dun cancro dermatolóxico, pero si polas súas características específicas ou especiais, que o converten en susceptible de sufrir un cancro dermatolóxico. E afonda que non só os pacientes que estiveron expostos a maior cantidade de radiación solar durante a súa vida adoitan ter unha predisposición para desenvolver este tipo de tumores, tamén existen outras poboacións que por estado inmunitario ven aumentadas as posibilidades de padecelos.

Por exemplo, explica, “pacientes inmunodeprimidos, pacientes sometidos a un transplante, ou neoplasias estreitamente vinculadas con infeccións víricas. Actualizamos como varía a patoloxía nestes casos e como manexar os distintos tratamentos e as probas complementarias”. 

Como se expuxo no encontro nacional, o carcinoma de células basais, o carcinoma de células escamosas e o melanoma representan os principais tipos de cancro. Os carcinomas de pel en España teñen unha taxa de incidencia de 47 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a taxa de incidencia do melanoma é menor, 12 casos por cada 100.000 habitantes. Calcúlase que a incidencia do cancro de pel aumentou nun 40% nos catro últimos anos en España. 

Participación activa de Dermatoloxía do CHUF

Os profesionais da Área Sanitaria ferrolá trataron tamén o diagnóstico clínico a través da Ecografía no ámbito da Dermatoloxía, e titorizaron un taller sobre ecografía dermatolóxica intervencionista. Por outra banda, as comunicacións abrangueron moi distintas cuestións, como as lesións na cavidade oral; a alteración do coláxeno nas enfermidades autoinmunes que cursan con ampolas; ou casos de micoses fungoide con expresión clínica diversa.

Xunto con isto, e no eido da innovación nos tratamentos, abordaron o tratamento con hialuronidasa nos casos de Cutis Verticis gyrata (coiro cabeludo engrosado) con sintomatoloxía; ou, tamén, a atención os nódulos violáceos en pacientes con mieloma múltiple, que son as expresións na pel dalgúns pacientes oncolóxicos. Por último, colaboraron na información que se presentou sobre o Rexistro Galego do Melanoma, e que reflicte que na Área Sanitaria de Ferrol. A incidencia do melanoma en Galicia é de 17,2 casos por cada 100.000 habitantes.

Por outra banda, lembrar que o Concello de Ferrol será a sede o vindeiro mes do encontro anual da Sociedade Galega de Dermatoloxía, que terá lugar os días 2 e 3 de xuño, en Afundación, na Praza da Constitución.

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde