A pasada semana, o Servizo de Neumoloxía
do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, realizou o primeiro procedemento
broncoscópico mediante unha nova técnica denominada CRIOEBUS a un paciente con ganglios no
mediastino.
A CRIOEBUS utiliza a crioterapia, que é o uso de temperaturas
extremadamente frías, para a obtención de mostras de tecido do mediastino a
través dun ecobroncoscopio, un tubo delgado e flexible, equipado con tecnoloxía
de ultrasons que se introduce a través das vías respiratorias do paciente. Unha
vez localizada a área e realizada a biopsia do tecido, retírase a sonda e a mostra é enviada ao servizo de
anatomía patolóxica para a súa análise.
A ecografía aporta a visión directa
da lesión e de todos os grandes vasos do mediastino. A sonda de criobiopsia,
que é introducida na lesión a través do broncoscopio, obtén unha mostra de
tecido mediante conxelación, o que mellora o rendemento diagnóstico.
A CRIOEBUS é unha técnica
fundamental para o diagnóstico de distintas patoloxías que afectan ao
mediastino, fundamentalmente cancro de pulmón, linfomas, metástase doutros
tumores e patoloxía de tipo inflamatorio de difícil diagnóstico con outras
técnicas.
O procedemento, ademais de axilizar o
diagnóstico, evita posibles complicacións postoperatorias ao no ser necesario
un acto cirúrxico, realizándose de xeito ambulatorio, mediante sedación e sen
necesidade de ingreso, dándose de alta aos pacientes tras un breve período en
observación.
Esta técnica, de recente
implantación, realízase e moi poucos hospitais do noso pais. O equipo de
neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña levou a cabo a
realización do primeiro procedemento destas características a pasada semana.
A crioterapia úsase en broncoscopias
para outros procedementos como son as biopsias pulmonares mediante broncoscopia
e tamén para resecar lesións
dentro do bronquio, pero a toma de biopsias mas aló do bronquio ou do pulmón é algo novidoso, sendo un
importante avance para a neumoloxía e a oncoloxía.