Ourense acolle Galisepsis, curso organizado
por un grupo de profesionais do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario
de Ourense, que reune hoxe e mañá a un colectivo multidisciplinar de especialistas
e residentes en formación, para afondar nos seus coñecementos sobre a Sepse,
grave reacción do organismo ante unha infección que dana os seus propios
tecidos e órganos.
A infección, provocada por un microorganismo ou xerme (bacteria,
virus ou fungo) diseminase polo torrente sanguíneo e provoca unha resposta
inflamatoria xeneralizada, que pode afectar a órganos vitais e xerar un fallo
multiorgánico, poñendo en grave risco a
vida do paciente.
Pese a que aínda non se coñecen moitos dos porqués desta reacción
orgánica daniña, a evidencia mostra que o diagnóstico e tratamento precoz da
sepse aumenta as posibilidades de supervivencia. Velaí a importancia de afondar
na formación dos especialistas, para reducir a súa letalidade, que supera á causada
polo infarto de miocardio ou cancros como os de mama e intestinais xuntos.
Formación para loitar contra Sepse
A súa elevada incidencia e mortalidade, que se incrementou nos
últimos anos en todo o mundo, é resultado de múltiples causas, como o
envellecemento poboacional, o aumento de intervencións cirúrxicas de alto risco,
en tódolos grupos de idade e o crecemento das infeccións causadas por xermes
cada vez mais resistentes.
Galisepsis ven sendo organizado desde 2013 por un grupo de
especialistas do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario de
Ourense, liderados por Pablo Vidal Cortés. Este ano asisten 54 especialistas, a
partes iguais de procedencia galega e do resto do estado, a maioría de Medicina
Intensiva, o 63%; pero tamén de Anestesia e Reanimación, o 19%; de Medicina
Familiar e Comunitaria, o 6%; e o 12% restante de Farmacia, Dixestivo, Oncoloxía,
Pneumoloxía e Medicina Interna.
O curso de este ano, segundo explica o seu director, Pablo Vidal, “enfocarase
ao diagnóstico, tratamento antibiótico e resucitación da sepse” e contará entre
o seu profesorado, ademais de Vidal, co resto integrantes do grupo de traballo
de Ourense, que tamén constitúen o seu comité organizador e científico, Jorge
Nieto del Olmo, Paula Fernández Ugidos e Lorena del Río Carbajo.
Xunto a eles, estarán tamén recoñecidos expertos como José Garnacho
Montero, do Servizo de Medicina Intensiva do H.U. “Virgen de la Macarena” de Sevilla
e editor xefe da revista de Medicina Intensiva; o presidente da Sociedade
Galega de Medicina Intensiva (SOGAMIUC), Pedro Rascado Sedes, do H Clínico de
Santiago de Compostela; Mónica Mourelo Fariña, xefa do S. de Medicina Intensiva
do H.U. de A Coruña; ademais de David Andaluz Ojeda, intensivista do Complejo
Asistencial Universitario de Palencia, entre moitos outros.
A inauguración de Galisepsis estivo presidida polo xerente da Área
Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras,
Félix Rubial Bernárdez; acompañado pola xefa do Servizo de Medicina Intensiva do
Hospital Universitario de Ourense, María José de la Torre Fernández, e director do curso, Pablo Vidal Cortés.