​A XUNTA ENCOMENDA A AXENCIA GALEGA DE INFRAESTRUTURAS A REDACCIÓN DO PROXECTO DAS OBRAS DE AMPLIACIÓN E REFORMA DO CENTRO DE SAÚDE DE BALTAR
23 05 2023
 


O Diario Oficial de Galicia (DOG), publica na súa edición de hoxe, á encomenda do Servizo Galego de Saúde á Axencia Galega de Infraestruturas para a xestión das actuacións destinadas á redacción do proxecto e a execución das obras de ampliación do Centro de Saúde de Baltar, en Sanxenxo.

Os orzamentos da Xunta do ano 2023 contemplan, no apartado referido ao Plan de Atención Primaria, unha partida de máis 400.000 euros para iniciar as obras de reforma e ampliación do centro de saúde de Baltar, así como para mellorar as instalacións actuais coas que conta o inmoble sanitario.

Con esta actuación, o inmoble actual medrará nun andar, e permitirá a incorporación de cinco novos espazos á infraestrutura sanitaria. En concreto: unha consulta de enfermaría, unha consulta de traballo social, un despacho docente, unha sala de técnicas, e unha sala de usos múltiples.

Do mesmo xeito, a ampliación da superficie útil do centro posibilitará reestruturar as salas e servizos xa existentes, optimizando a asistencia sanitaria que se lle presta aos usuarios, ao tempo que se facilita o desempeño do labor dos profesionais do centro de saúde de Sanxenxo. 

Esta obra, continúa coa liña de melloras que xa se levan realizadas nos últimos anos no centro de saúde de Baltar, e entre as que destacan a renovación das estancias interiores: con melloras nos falsos teitos e a instalación de luminarias de eficiencia enerxética; a renovación da cuberta do pavillón oeste do centro, ou os traballos de mellora acometidos na rede de sumidoiros. 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde