O CHUAC UTILIZA POR VEZ PRIMEIRA A TECNOLOXÍA ROBÓTICA PARA A EXTIRPACIÓN DUN CANCRO PANCREÁTICO
24 05 2023
A duodenopancreatectomía cefálica consiste na extirpación da cabeza do páncreas, o duodeno, un pequeno segmento de estómago, a vesícula biliar e a vía biliar extrahepática, así como os ganglios da zona, que neste caso estaban afectados por un cancro.

É a técnica cirúrxica máis complexa de toda a patoloxía hepato-bilio-pancreática, realizándose mediante cirurxía convencional aberta, e de xeito máis excepcional mediante cirurxía laparoscópica, debido á dificultade da propia técnica.

Neste caso os membros do equipo de cirurxía xeral do CHUAC utilizaron as vantaxes que proporciona o robot Davinci para levar a cabo esta técnica por vez primeira en Galicia.

Co robot realízase esta técnica por vía laparoscópica, aproveitando as vantaxes que esta tecnoloxía aporta. Visión magnificada, xa que o campo visual amplíase ata 10 veces; o cirurxán manexa a cámara co robot, polo que a visión do campo cirúrxico é moi estable, ademais de eliminar o temblor das mas; e unha das máis importantes, a capacidade de xiro das pinzas, xa que coa lararoscopia convencional estas non articulan, limitando a capacidade de actuación do cirurxán.

A complexidade desta técnica cirúrxica consiste, non só na extirpación de toda a peza afectada polo cancro, que técnicamente é moi dificultosa pola súa relación con grandes vasos, se non pola dificultade que ten a reconstrución dos órganos e tecidos que se atopan ao redor do páncreas, así como a proximidade de importantes venas e arterias.

A paciente, unha muller de 60 anos, diagnosticada dun cancro de páncreas, atópase de alta no seu domicilio e a súa evolución é satisfactoria.

Cirurcxía robótica

Esta robotización da cirurxía laparoscópica pódese aplicar en calquera das cirurxías endoscópicas, pero no caso do CHUAC, optouse por aplicalas nas cirurxías de alta complexidade como a cirurxía laparoscópica de cancro colorrectal, cancro dixestivo ou cancro pancreático, como neste caso.

Dende a posta en marcha do robot Davinci o número de intervencións realizadas polo servizo de cirurxía xeral do CHUAC ascende a 337.

A incorporación destas solucións robóticas mellora, en todas estas indicacións, os beneficios xa coñecidos da cirurxía mínimamente invasiva como unha mellor e máis rápida recuperación do paciente, a diminución das complicacións postcirúrxicas, así como a vota máis rápida as tarefas habituais.
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde