O SERVIZO DE NEUROFISIOLOXÍA DO CHUF REALIZA 14 VIDEOMONITORIZACIÓNS NO ÁMBITO DA EPILEPSIA DENDE A ACTIVACIÓN DESTA TÉCNICA HAI ANO E MEDIO
24 05 2023

​O Servizo de Neurofisioloxía Clínica do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol realiza dende hai máis de ano e medio, dende finais do 2021, a videomonitorización de EEG (Electroencefalograma), que é un rexistro simultáneo da clínica do paciente (vídeo) e a actividade electroencefalográfica (EEG), durante un período prolongado, polo xeral ata 24 horas. Realízase, por unha banda, nos casos de pacientes con epilepsias refractarias, que son aquelas persoas que continúan con manifestacións críticas epilépticas a pesar dun tratamento óptimo, ou, por exemplo, que poidan estar descompensados. 

Por outra, emprégase igualmente como forma de diagnóstico diferencial en pacientes con eventos clínicos suxestivos de epilepsia, pero sen un diagnóstico claro ou definido. Este electroencefalograma prolongado e continuo con vídeo realizouse xa a un total de 14 pacientes dende a súa posta en marcha a finais do ano 2021.

Así o explican as neurofisiólogas da Área Sanitaria de Ferrol, Mónica Grande Seijo e Mayris Escalona Fermín, no Día Nacional da Epilepsia que se celebra hoxe. A neurofisioloxía é unha disciplina que ten como obxectivo básico o estudo fisiopatolóxico das síndromes e enfermidades do sistema nervioso central e periférico, incluído o compoñente nervioso dos órganos sensoriais e o sistema muscular. Para estes estudos, empregan técnicas instrumentais baseadas no rexistro da actividade eléctrica e magnética das estruturas nerviosas, tanto en situación basal como tamén trala estimulación. Para isto, empregan, entre outras,  as técnicas de electromiografía, potencias evocados, neuromodulación ou electroencefalografía. 

Técnica para a diferenciación

En relación con esta última, no ano 2021, comezaban a facer esta videomonitorización  EEG con vistas ó diagnóstico, un electroencefalograma continuo e con vídeo para, por exemplo, ve-los eventos clínicos nas xa mencionadas epilepsias refractarias, que supoñen un 20% do total, xa que ó redor do 80% se controlan con fármacos e non precisan de intervención. Así, “faise un seguimento de 24 horas, e rexístrase a actividade eléctrica cerebral e simultaneamente ó comportamento clínico do paciente”, afondan estas profesionais.

Esta técnica emprégase, ademais de nos pacientes diagnosticados pero refractarios, en pacientes con eventos clínicos suxestivos de epilepsia, bruscos ou delimitados no tempo, sen un diagnóstico claramente definido, por exemplo, pacientes con posibles pseudocrisis, que semellan epilepsias pero que non o son. “Vemos no vídeo de xeito continuado e no momento da crise, se hai ou non unha activación epiléptica, e se é así, a tipificamos”. Iso é importante na medida que, segundo iso, establecerase un diagnóstico ou outro, e axudarase co tratamento más axeitado.

Realízase en pacientes ingresados, tanto adultos como pediátricos, e naqueles casos concretos, descritos e rigorosamente valorados polo equipo de neurofisioloxía en colaboración coas posibles especialidades implicadas maioritariamente, como neuroloxía ou pediatría.

Así, polo tanto, as indicacións da monitorización prolongada na Área ferrolá son realizar diagnóstico diferencial entre crise epilépticas e non epilépticas, que é a principal no Complexo ferrolá. Tamén a detección, caracterización e cuantificación mediante vídeo-EEG de eventos críticos do paciente nos casos en que o tipo de crise ou de epilepsia do paciente non sexa claro, para poder chegar a un diagnóstico; e valorar a influencia das activacións no paciente. A documentación do patrón de crise, a súa frecuencia, e a influencia dos fármacos nos cambios do patrón de crise e mesmo de comportamento. Ou, por último, a monitorización nas unidades de coidados intensivos.


Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde