​PRETO DUN CENTENAR DE TRAUMATOLOGOS AFONDAN EN OURENSE NO TRATAMENTO DAS LESIÓNS DE NOCELLO
26 05 2023

O Servizo de Traumatoloxía do Hospital Universitario de Ourense organiza a súa duodécima edición da “Xornada de Pé e Nocello” á que asisten preto dun centenar de especialistas e residentes en formación, e que este ano están centradas nas lesións traumáticas de nocello.

Divididas en dúas xornadas de traballo, onte contaron cun obradoiro para un residentes, sobre vías de abordaxe na cirurxía de pé e nocello, que se realizaron no Centro de Investigación en Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas, TECMEVA (Tecnoloxías Médicas de Vangarda) no Parque Tecnolóxico de Ourense, e hoxe no Salón de Docencia Cabaleiro Goás, con relatorios e casos prácticos, da fractura á artrose de nocello.

Organizada baixo o auspicio da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (SOGACOT) e da Sociedade Española de Medicina e Cirurxía do Pé e Nocello (SEMCPT) as xornadas son un curso de actualización e posta en común, que permite compartir experiencias de profesionais de todo o país ante as sempre complexas lesións de pé e nocello, desde novas técnicas cirúrxicas á súa evolución ou tratamentos.

Os organizadores son os traumatólogos Antonio Fernández Cebrián e Silvia Villardefrancos Gil que contan novamente coa presenza de Manuel Monteagudo, especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía da clínica Quirón de Madrid, Enrique J Sanchez-Morata do Hospital Universitario 12 de Octubre, e Jesús Vila i Rico, experto tamén en cirurxía de pé e nocello no Hospital Ruber Internacional.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde