UNHA XORNADA DE ESTILOS DE VIDA, INFERNIÑO SAUDABLE, PRIMEIRA ACTIVIDADE DERIVADA DA REDE LOCAL DE SAÚDE DAS RESIDENTES DE ENFERMARÍA DA ASF
01 06 2023

​Profesionais sanitarios do centro de saúde Fontenla Maristany de Ferrol, e preto dunha vintena de asociacións e entidades veciñais do Ensanche A-Inferniño que xa están constituídas como Rede Local de Saúde participan nunha xornada, Inferniño Saudable, que ten lugar hoxe, entre as 11:00 e as 13:00, no Centro Cultural Carvalho Calero en Ferrol. Esta xuntanza é a primeira actividade derivada da xa mencionada e recentemente creada Rede Local de Saúde do Ensanche A Inferniño. Falarán, en diversas mesas organizadas polos propios colectivos integrantes, de alimentación, de exercicio e dos beneficios de deixar de fumar. Haberá tamén xogos tradicionais en cada etapa da vida, dende a nenez ata a idade máis madura.

Así, teñen cabida neste encontro asociativo a nutrición, as adiccións ou a saúde bucodental. Un dos colectivos levará un esqueleto cos distintos órganos afectados  polo consumo do tabaco, e referiranse ó tabaquismo pasivo. O tabaquismo estará tamén presente nunha mesa específica organizada polas residentes do centro de saúde Fontenla Maristany, e que é continuidade da xa realizada onte por mor do día Mundial sen Tabaco. Hai tamén xogos tradicionais, cmo as chapas, a mariola, o aro, as canicas, o xogo da ra ou o dos fíos.

Acción Comunitaria

Este proxecto está organizado por profesionais de Enfermaría do centro de saúde da Área Sanitaria de Ferrol no marco de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Consellería de Sanidade para a rotación das residentes. “O noso Barrio, A nosa Rede. Proxecto de Acción Comunitaria para a creación dunha Rede de Promoción da Saúde no Ensanche A-O Inferniño” era o xermolo deste proxecto, que estaba elaborado polas residentes de Enfermaría, Paula Souto, Laura López, Susana Verdía, Selene Lourido, Paz Caínzos e Graciela Villamil.

Lembrar que esta rede local implica que un profesional da saúde e un paciente identifican xuntos actividades da comunidade para mellorar a súa saúde e o seu benestar. O piar fundamental deste proxecto é a pretensión de impulsar a gobernanza local en saúde, descentralizando con iso o papel das e os profesionais sanitarios e cedendo o lugar protagonista á cidadanía, como sucede hoxe neste encontro no que xa os protagonistas son as asociacións que conforman a rede.

Funcionamento da Rede Local de Saúde

A modo de contexto, recordar que se produciu un primeiro contacto o pasado novembro co Concello, e máis de trinta encontros tanto individuais como colectivos cunha ducia de moi diversos colectivos, asociacións veciñais, e grupos étnicos e relixiosos que representen a diversidade cidadá deste barrio. Realizaron un mapa de activos, que son factores ou recursos que melloran as habilidades de persoas, grupos, comunidades, poboacións, sistemas sociais e/o institucións para manter e soster a saúde e o benestar, e axudar a reducir as desigualdades en saúde. Por exemplo, os recursos sociosanitarios relacionados coa saúde e o benestar que existen: centros onde facer exercicio, parques, actividades deportivas, etc... 

A motivación era conseguir que, coa divulgación da guía de activos, se acaden distintas intervencións que permitan poñer en práctica os resultados do estudo, así como lograr unha adecuada sensibilización a nivel dos centros sanitarios acerca da importancia da prescrición social de activos en saúde. De novo, esta xornada de hoxe, Inferniño Saudable, é un exemplo desa materialización.

Ás xa citadas xuntanzas con diversos colectivos do barrio para detectar as necesidades, amezas e fortalezas da saúde do barrio, engadiron, o traballo dun mapa das emocións, tanto cos máis novos nos institutos e colexios, como coa poboación xeral, plantexándolles cuestións tales como que lles xera ou produce benestar e o que non do seu barrio. Así, visitaron centros educativos e, tamén, acudiron á praza más concorrida do barrio e preguntaron á poboación en xeral que pensan do barrio, que botan en falta, e que problemática ven, entre outras cuestións. Isto é, aplicaron xa ata o momento no proxecto diversas metodoloxías e técnicas de investigación: documentais, entrevistas en profundidade individuais, observación directa, grupos de discusión nos que se puña en contacto a moi diferentes colectivos, técnicas específicas de participación comunitaria como o mapeo emocional, a liña do tempo, o mapeo artístico e a fotovoz. 

Con esta última da técnicas, a fotovoz, pasearon cos máis maiores do barrio, que son os encargados de describir a evolución, o antes e o despois na saúde e o benestar do barrio. Parte dos resultados trala aplicación de todas estas técnicas cualitativas foi amosado nunha exposición no Centro Carvallo Calero, en Ferrol, no pasado mes de abril. Nunha última xuntanza planificaron xa accións concretas como esta de hoxe. 

Lembrar igualmente que este proxecto: “O noso Barrio, A nosa Rede. Proxecto de Acción Comunitaria para a creación dunha Rede de Promoción da Saúde no Ensanche A-O Inferniño”, acadaba o premio para os residentes no Congreso Internacional de Enfermaría Familiar e Comunitaria, que se celebraba no mes de abril en Granada.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde