O SERGAS PUBLICA OS ASPIRANTES SELECCIONADOS NO CONCURSO OPOSICIÓN NAS CATEGORÍAS DE PINCHE E TÉCNICO/A EN FARMACIA DA QUENDA DE DISCAPACIDADE INTELECTUAL
14 07 2023

O Diario Oficial de Galicia​, na súa edición de hoxe, contén as resolucións polas que se publica a relación de aspirantes definitivamente seleccionados/as no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de pinche e de técnico/a en farmacia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, e iníciase o prazo para a elección de destino.

Do total de 44 aspirantes seleccionados que accederon pola quenda de discapacidade intelectual, 39 persoas fixérono na categoría de pinche e 5, en técnico/a de farmacia.

As persoas seleccionadas disporán dun prazo de dez días hábiles, comprendido entre o 17 e o 31 de xullo, para seleccionar os destinos ofertados por orde de prelación.

Estas incorporacións súmanse aos procesos xa resoltos nas categorías de celador, persoal de servizos xerais e técnico/a en coidados auxiliares de enfermería. En total, o Servizo Galego de Saúde convocou nestas categorías 125 postos de traballo para persoas con discapacidade intelectual, cuxo obxectivo é facilitar a integración laboral deste colectivo e permitir o seu exercicio profesional coa incorporación ás distintas áreas das institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Neste ano, está previsto neste ano realizar a convocatoria de 10 prazas máis de discapacidade intelectual na categoría de auxiliar da función administrativa.

Co obxecto de facilitar o procedemento para a súa selección, a Administración pon á súa disposición na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) un modelo de formulario, en formato editable, no que o/a aspirante, logo de cubrir os seus datos persoais, seleccionará os destinos ofertados por orde de maior a menor preferencia, identificados polo concello onde están situados.

As persoas seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde