O
Consello da Xunta aprobou a contratación, por un período de dous
anos, mediante acordo marco cun único empresario, da subministración
sucesiva de equipamento electromédico e mobiliario clínico con
destino a centros de atención primaria do Sergas. O valor estimado
dos contratos baseados no acordo marco é de 17.621.888
euros.
O
investimento inclúe 126
retinógrafos, 184
ecógrafos
portátiles con intelixencia artificial integrada, 480
sistemas
de monitorización ambulatoria da presión arterial, e 508
dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de
constantes vitais para centros de atención primaria das sete áreas
sanitarias de Galicia. Tamén inclúe mobiliario clínico consistente
en máis de 2.000 padiolas
de transporte, de exploración xeral, de fisioterapia e de
exploración xinecolóxica.
A
intención do Goberno galego é dotar a todos os centros de saúde de
Galicia duns novos dispositivos multidiagnóstico, que van permitir,
a través dunha táblet con distintos complementos, realizar co mesmo
aparello distintas probas diagnósticas: electrocardiogramas e
medicións da presión arterial para previr ou controlar problemas
cardiovasculares; control do índice nocello-brazo para previr
trombos; ou espirometrías para diagnóstico e seguimento de
patoloxías respiratorias.
A
Xunta vai dotar tamén a todos os centros de saúde que aínda non
contén con el, de dispositivos de monitorización ambulatoria da
presión arterial, que o paciente leva para casa durante un ou dous
días completos da súa vida cotiá, e permite diagnosticar a
existencia ou a evolución de hipertensión, unha das patoloxías
crónicas máis prevalentes en Galicia.
Este
novo material súmase ao adquirido ao abeiro do Plan Galego de
Atención Primaria 2019-2021 que mobilizou un investimento de máis
de 8 millóns para dotar aos centros
de
atención primaria galegos de 473 electrocardiógrafos, 260
desfibriladores, 234 espirómetros, 27 ecógrafos ou 26 retinógrafos.
Así,
con esta nova licitación o Goberno galego completará a dotación de
retinógrafos e ecógrafos iniciada co Plan
Galego de Atención Primaria de 2019. Ao final deste proceso todos os
servizos de atención primaria disporán dun ecógrafo. Serán
ecógrafos portátiles dotados con tecnoloxía de intelixencia
artificial que irá guiando ao profesional para facer a mellor
exploración posible.
Todos
estes dispositivos completamente integrados co sistema de historia
clínica electrónica de Galicia. Polo tanto, facilitando o volcado
de datos automático na aplicación para o seguimento
multidisciplinar do paciente polo equipo de atención primaria ou, se
fose preciso, con apoio de consulta hospitalaria.
Esta
contratación enmárcase no obxectivo da Xunta de Galicia de mellorar
a capacidade diagnóstica do primeiro nivel asistencial e
aproveita os fondos do Plan de Melloras das Infraestruturas de
Atención Primaria (MINAP)
aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde,
e cuxo obxectivo consiste na mellora das infraestruturas dos centros
de atención primaria pertencentes ao Sistema Nacional de Saúde e
ampliación e renovación do seu equipamento clínico.
A
boa situación de Galicia en materia de infraestruturas de atención
primaria, cun investimento desde 2009 de máis de 120 millóns de
euros para construír ou renovar 114 centros de saúde, e cun Plan de
Infraestruturas de Atención Primaria en execución desde 2021,
permite á Xunta destinar estes fondos estatais a dotar aos seus
centros de novo equipamento diagnóstico.
Aposta
pola atención primaria
A
aprobación deste acordo marco reflicte a aposta da Xunta pola
atención primaria co obxectivo do
Sergas de dotar á totalidade de centros de saúde galegos de novos
equipos diagnósticos que melloren a súa capacidade resolutiva,
para, deste xeito, facer unha mellor prevención da enfermidade e
acadar diagnósticos precoces que eviten complicacións posteriores
nos pacientes. Supón, ademais, levar a cabo un mellor seguimento dos
pacientes crónicos e pluripatolóxicos.
Entre
estes investimentos da Xunta destinados a potenciar o primeiro nivel
asistencial destaca a recente licitación de 29 novas salas de RX
dixitais e a adquisición dunha unidade móbil de RX, por máis de
cinco millóns de euros, e a próxima tramitación de
novos expedientes para a compra de desfibriladores e bisturís
eléctricos ou para a adquisición de equipos de realización de
probas rápidas.