Un dos aspectos máis difíciles da cirurxía de
substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da
articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e
funcionen sen problemas. Polo tanto, o obxectivo principal dos dispositivos
robóticos é de prover ao cirurxián dunha ferramenta específica para executar,
de forma exacta, os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación
cirúrxica previa, conseguindo así restablecer a cinemática e o balance de
partes brandas do xeonllo primitivo. O brazo robótico proporciona
retroalimentación táctil, visual e auditiva para axudar ao cirurxián a lograr a
orientación desexada, o que pode mellorar a estabilidade e mobilidade.
“Unha das vantaxes
mai importantes que nos aporta esta tecnoloxía é a de poder reproducir a
anatomía exacta do xeonllo do paciente, atendendo ás súas particularidades, o
que conleva un menor dano das partes brandas que rodean a articulación, o que
redunda nunha recuperación mais rápida e unha redución da dor postoperatoria”, destaca a Dra. Elisa Covelo, cirurxana da unidade de
xeonllo do CHUAC.
Sinalar que en cirurxía ortopédica e traumatoloxía, a
utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo e de
cadeira demostrou ser a técnica máis vantaxosa para o doente comparadas coas
manuais, supoñendo unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a
posición e o tamaño do implante, ademais de supoñer menor sangrado durante a
cirurxía, menor dor postoperatoria, menor tempo de recuperación e de estancia
hospitalaria e unha diminución das complicacións.
Benedicto Novoa, xefe da unidade de xeonllo do CHUAC,
puntualiza que “con este tipo de
tecnoloxía conséguese unha perfecta estabilización do xeonllo xa antes de
realizar ningún corte na articulación, permitindo ter unha previsión mais
exacta do resultado final”.
Beneficios dos
sistemas robóticos para pacientes e profesionais
Os sistemas robóticos son aparatos concibidos coa
finalidade de axudar e mellorar a destreza e capacidade cirúrxica. O aumento e
a mellora da destreza permiten ao cirurxián realizar manipulacións que, sen
este sistema, serían imposibles nalgúns casos, proporcionando unha considerable
mellora na seguridade das intervencións cirúrxicas.
Este novo sistema de cirurxía robótica ortopédica ven a
completar a oferta xa existente cos robots Davinci, dotando ao CHUAC dunha
importante tecnoloxía robótica en diversas especialidades cirúxicas.