A XUNTA DESTACA A SÚA ESTREITA COLABORACIÓN COA FACULTADE DE MEDICINA NA FORMACIÓN DO FUTURO PERSOAL MÉDICO DA SANIDADE GALEGA
16 11 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; interviron está tarde na 84ª Asemblea Xeral da Conferencia Nacional de Decanas e Decanos das Facultades de Medicina Españolas. Un acto no que os responsables da Xunta destacaron a estreita da colaboración entre institucións para dotar a sanidade galega de novos profesionais médicos.

Durante a súa intervención, o titular da carteira sanitaria da Xunta salientou a recente ampliación do número de prazas de profesores asociados que a USC asinou co Sergas, apuntando que, durante a presente lexislatura, o Executivo galego incrementou esta cifra con 20 novas prazas de docencia clínica. 

Así mesmo, García Comesaña puxo en valor a creación da primeira praza destinada a impartir formación teórica de medicina de familia na facultade de Santiago de Compostela, avogando por seguir a reforzar esta “relación de simbiose”, na que o Servizo Galego de Saúde proporciona o profesorado e a Universidade devolve este apoio achegando os profesionais do futuro. 

O conselleiro de Sanidade lembrou que o Sistema Nacional de Saúde sofre un importante déficit de facultativos en especialidades moi concretas, lamentando a rixidez que mantén o Ministerio de Sanidade no que atinxe á formación sanitaria especializada e, máis concretamente, na posibilidade de formar máis médicos de familia.

Neste sentido, solicitou a colaboración da Universidade para conseguir que máis titulados se formen nesta especialidade, pois,  entre os obxectivos principais da Consellería de Sanidade atópase o de “conseguir que os nosos titulados aposten polas prazas de medicina de familia á hora de elixir a súa especialidade”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou que Galicia conta cun dos mellores sistemas universitarios, un referente de calidade e de excelencia co que a Xunta de Galicia está fortemente comprometida. Así o demostran os orzamentos de 2024, que incluirán máis de 513M€ para o seu financiamento.

“Trátase dun fito histórico que nos permite avanzar no obxectivo do 1% de e reforzar así a súa internacionalización e as relacións coas empresas e impulsar a investigación e o desenvolvemento de iniciativas I+D+i”, salientou  Román Rodríguez antes de facer un chamamento para que “entre todos” sigamos facendo do sistema universitario de Galicia “un modelo de referencia á orde das necesidades profesionais e sociais”. 

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde