​EN OURENSE DIAGNOSTICARONSE O PASADO ANO 255 CASOS DE CANCRO DE PULMÓN
17 11 2023

En Ourense diagnosticáronse o pasado ano 255 casos de cancro de pulmón, catro de cada cinco foron homes (205), cun relevante aumento de casos en ambos sexos, predominantemente fumadores e maiores de 65 anos, aínda que desde o Servizo de Pneumoloxía alertan de que cada vez o detectan máis entre poboación máis xoven.

O drama do cancro de pulmón é que, a práctica totalidade poderían ser evitables, xa que o tabaquismo continúa a ser o axente principal de entre o 80 e o 90% dos casos -calcúlase que preto do 20% dos fumadores o desenvolverán- ademáis, segundo subliña Isaura Parente, especialista do Servizo de Pneumoloxía, e unha das responsables da atención a esta patoloxía, “máis da metade diagnostícanse xa con metástase e nun estadío avanzado” o que dificulta o tratamento. 

A abordaxe do cancro de pulmón en Ourense é multidisciplinar, no seu comité de tumores, que se reúne semanalmente para estudar e planificar os tratamentos de xeito coordinado, participan especialistas de pneumoloxía, anatomía patolóxica, medicina nuclear radioloxía, oncoloxía médica, oncoloxía radioterápica, ademais de cirurxía torácica, neste caso de Vigo,  referencia para esta especialidade. 

Diagnóstico e estadiaxe in situ

Na procura dunha medicina cada vez máis personalizada, así como para axilizar o diagnóstico, desde hai uns cinco anos, desde o Hospital Universitario de Ourense realizase unha técnica que permite, nun único acto médico e sen necesidade de ingreso, chegar a un diagnóstico, e de confirmar o cancro, establecer as súas características –biomarcadores-  e o estadío de este, información esencial para planificar o tratamento de cada paciente.  

A técnica coñecida como EBUS-ROSE polas súas siglas en inglés, que se corresponden con Ecobroncoscopia lineal, ou Endo Bronchial Ultra Sound (EBUS), e Evaluación Microscópica in situ (ROSE), permite acceder e visualizar en tempo real as estruturas pulmonares non visibles a través da parede bronquial e facer unha punción, obtendo material celular para a súa análise polo patólogo, a través dunha agulla guiada. 

A presenza na sala do anatomo patólogo, para analizar a mostra in situ permite, dunha banda garantir que o material e válido e suficiente para o seu análise, punto importante para a obtención dos biomarcadores tumorais, clave na actual medicina personalizada do cancro, así coma para planificar o tratamento sexa cirúrxico, inmuno ou quimioterapia, radioterapia, ou unha combinación, evitando tomas de mostras non validas, ademais de axilizar todo o proceso. 

Carmen Penín, xefa do servizo de anatomía patolóxica da Área Sanitaria e partícipe nesta técnica, destaca que o cancro de pulmón “é o pradigma da medicina personalizada, porque se realiza a determinación de numerosos biomarcadores, que en función dos resultados orientan un tratamento a medida”.

O procedemento realízase baixo sedación profunda, introducindo o ecobroncoscopio a través da boca, para logo acceder a traquea e bronquios e iniciar a exploración ecográfica das estruturas torácicas.

Ademais de ser un procedemento de referencia no cancro de pulmón, o EBUS tamén se aplica a outros tumores e á patoloxía de tipo inflamatorio de difícil diagnóstico con outros procedementos.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde