O CONSELLEIRO DE SANIDADE PON EN VALOR OS PROXECTOS PARTICIPANTES NA IV EDICIÓN DOS INTERNATIONAL ZENDAL AWARDS
16 11 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  puxo en valor hoxe os proxectos participantes na IV Edición dos International Zendal Awards 2023, galardóns que teñen como obxectivo fomentar e desenvolver a investigación, así como potenciar a integración da mesma na práctica clínica. Para o conselleiro, estes proxectos representan non so avances científicos, senón, tamén, a visión e dedicación de individuos e equipos que están a dar forma ao futuro da biotecnoloxía.

Comesaña incidiu en que, sen a investigación, sería moi difícil a evolución na asistencia sanitaria, xa que fomenta a autonomía profesional e facilita a conformación de equipos interdisciplinares, á vez que proporciona beneficios á sociedade.

Ao respecto deste tema, o titular da carteira sanitaria remarcou que a Xunta continúa a levar a cabo os procedementos necesarios para que a incorporación das fundacións de investigación sanitaria ao sector autonómico sexa efectiva. Con tal motivo, veñen de aprobarse a semana pasada, nos respectivos padroados das mesmas, as modificacións dos seus estatutos para a súa adaptación a este cambio.

Tendo en conta esta previsión, Comesaña dixo que o proxecto de orzamentos da Xunta para o vindeiro ano xa incorporou por primeira vez estas tres fundacións, cun investimento total, por parte do Executivo galego, de máis de 43 millóns de euros.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro incidiu en que estes premios actúan como faros que guían á próxima xeración de científicos e investigadores cara a terreos inexplorados. Deste xeito, ao recoñecer e premiar os proxectos destacados, non só estanse a celebrar logros individuais, senón, tamén, fomentando unha cultura de colaboración e descubrimento conxunto.

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde