BAÑOS DE BOSQUE PARA OS USUARIOS DO HOSPITAL DE DÍA DE PSIQUIATRÍA DO CHUF
18 11 2023
 Un total de 19 persoas entre usuarios e usuarias e profesionais do Hospital de Día de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol comezaron na mañá de onte o primeiro dos denominados Baños de Bosque no parque etnográfico do Río Sesín. Esta actividade, que coordina a terapeuta ocupacional da Área Sanitaria de Ferrol e profesora da UDC, Nuria García Gonzalo, “implica facer unha inmersión no bosque e relacionarse con el a través dos sentidos co obxectivo de mellorar a saúde”, explica. Realizarán tres máis nos vindeiros meses.

O Hospital de día de Psiquiatría de Ferrol iniciou este proxecto que terá continuidade e que está inspirado, como se mencionaba, na práctica dos "Baños de Bosque". Basea a súa razón de ser, explica, nos estudos que evidencian como o contacto cos espazos verdes incrementa o valor na saúde de quen o practica e repercute favorablemente no seu día a día. “Faise unha inmersión na natureza da comarca para mellorar a enerxía individual e a empatía; incrementar vínculos entre os integrantes do grupo; sumar unha actividade máis que lles poida aportar beneficios no seu día a día, e, ademais, reforzar o sistema inmunolóxico, entre outros moitos beneficios”, subliña.

Terapia Ocupacional, persoa e contornas verdes

Dende Terapia Ocupacional, indica Nuria García, a promoción da saúde enfócase nas ocupacións, ou tamén coñecidas como as actividades que unha persoa desempeña no seu día a día. Desta forma, promóvese a saúde a través do facer diario, é dicir, a través do desempeño de ocupacións que sexan significativas e axuden ás persoas para se implicar en actividades da vida diaria dunha forma autónoma, independente e consciente. Estudan tamén a interacción entre as ocupacións, a persoa e a súa contorna, comprendendo que esta inflúe na saúde.

Por iso, a proposta de onte venres baséase no uso de espazos verdes como o eixo fundamental. Estes espazos inclúen o contacto coa natureza como posible promotor de saúde; e, xunto coa participación doutras persoas, promóvese o desempeño de actividades de participación social e lecer, pola interacción con outros, e o desempeño de hábitos de vida saudable. Deste xeito, ofrécese á persoa novas estratexias para que incorpore no seu día a día. Nesta ocasión, o uso de espazos verdes como promotores de saúde mental e ocupacional baséase na técnica dos baños do bosque, que consiste en visitar un bosque ou espazo verde camiñando, sentándose, estirándose, observando os elementos da natureza, e facendo uso de tódolos sentidos. Un exemplo sería ir escoitando os son das follas, dos animais, respirar profundamente, cheirar a natureza.

Consiste en ter contacto coa natureza, que de feito en Galicia é habitual. Segundo o que indica a literatura, os espazos verdes, a natureza ou o contacto coas árbores, entre outros, contribúen á promoción da saúde mental; e, á súa vez, tamén xogan un papel importante na prevención de enfermidades. Promove igualmente a recuperación ante eventos estresantes ou a afrontalos con maior forza. A técnica dos baños do bosque tamén, coñecida como Shinrin Yoku, é de orixe xaponesa. O primeiro estudo piloto realizado con esta técnica foi encabezado por Miyazaki no ano 1990. 

Investigación paralela

Por outra banda, e de xeito paralelo, as persoas participantes neste proxecto que así o desexen, poderán á súa vez formar parte do "Estudo mixto sobre a influencia dos espazos verdes na saúde mental e as ocupacións co uso de ferramentas tecnolóxicas". Este estudo, realízase en colaboración coa UDC e co grupo de Investigación TALIONIS-CITIC, dedicado á Tecnoloxía Aplicada á investigación en Ocupación igualdade e Saúde, coordinado polo investigador principal do estudo, Javier Pereira Loureiro, e sendo María del Carmen Miranda Duro, a persoa encargada da recollida de datos.


Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde