OS CONCURSOS EXTRAORDINARIOS CONVOCADOS POLA XUNTA COMPLETARÁN A COBERTURA DE PRAZAS DO CENTRO DE SAÚDE DE VIVEIRO CON PERSOAL FIXO
17 11 2023

Os concursos de méritos, sen necesidade de exame, convocados pola Xunta de Galicia permitirán completar  o cadro de persoal do centro de saúde de Viveiro con persoal fixo. A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, acompañada do director asistencial da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Rafael Monte Secades, visitou esta mañá o centro de saúde viveirense, onde nesta xornada estaban traballando 5 dos 7 médicos que hai asignados para a quenda da mañá neste centro. O centro conta tamén con 4 prazas de médico de familia en quenda de tarde (unha delas vacante e ofertada por concurso de méritos).

Sofía López destacou que a Lei de medias extraordinarias habilitada pola Xunta para dotar de persoal fixo e estable as prazas de médicos de familia e pediatras de Atención Primaria de difícil cobertura “posibilitará cubrir este ano unha praza máis de médico de familia no centro de saúde de Viveiro e dúas de pediatría, de igual xeito que xa se cubriron con persoal fixo por este mesmo sistema tres prazas vacantes de médico neste centro o ano pasado”.

O centro de saúde de Viveiro conta con 11 prazas de médico de familia no seu cadro de persoal, das que 9 teñen profesional asignado. De feito, tres desas prazas foron cubertas o ano pasado a través do concurso de méritos, sen necesidade de oposición, grazas a que a Xunta, consciente de que existen centros con prazas de difícil cobertura, habilitou a posibilidade de facelas atractivas e cubrilas con persoal fixo ofertándoas en propiedade polo sistema de concurso sen oposición. Trátase dunha medida pioneira en todo o Estado. 

Así, o ano pasado a Xunta ofertou  por concurso de méritos 106 prazas de médico de familia en toda Galicia, das que tres foron para o centro de saúde de Viveiro, incorporando, este centro, polo tanto, tres médicos con praza fixa.  Visto o bo resultado desta convocatoria pioneira en España, neste mesmo ano sacáronse a concurso de méritos outras 72 prazas de médicos de familia por este sistema. Outra delas, para Viveiro, que cubrirá deste xeito  esa praza vacante antes de rematar o ano.

Dúas prazas de pediatría ofertadas por concurso de méritos

A Lei de prazas de difícil cobertura tamén busca solucionar a falta de pediatras e a dificultade de cubrir as vacantes nesta especialidade. Por iso, a Xunta tamén puxo en marcha outro concurso de méritos para pediatras atención primaria, con 60 prazas ofertadas en Galicia e onde se incluíron as dúas prazas de especialista en pediatría do centro de saúde de Viveiro. 

A falta de pediatras é un problema que se está a dar a nivel de toda España, xa que é unha das especialidades identificadas como deficitarias por parte do Ministerio de Sanidade, e especialmente nos pediatras de atención primaria, o que dificulta a cobertura das prazas cando se produce algunha vacante ou ausencia do titular. Por este motivo, a Xunta decidiu convocar tamén o concurso de méritos de pediatría, para poder solucionar este problema e dotar de pediatras fixos aos centros de saúde, entre eles, o de Viveiro.

Polo tanto, tal e como manifestou a directora xeral de Planificación Sanitaria,  a cobertura de prazas do centro de saúde de Viveiro estará case completa este ano, cando se resolvan os concursos de méritos que se están a tramitar, permitindo dispor dun novo médico pola tarde e de dous pediatras fixos no centro de saúde de Viveiro. Neste momento, o centro de saúde de Viveiro só ten esas tres prazas vacantes, grazas, como dixemos a que as tres que había a principios do ano pasado foron cubertas co primeiro concurso de méritos de 2022. 

Así pois,  a Xunta ten posta en marcha todas as medidas posibles para solucionar a falta de médicos de familia e de pediatras, sendo o centro de saúde de Viveiro o centro da provincia no que máis prazas por concurso de méritos se sacaron para dotalo de persoal fixo mediante un concurso de méritos que non precisa exame. 

Non hai, pois ningún tipo de recorte nas prestacións nin no número de prazas asignadas ao centro de saúde de Viveiro, só a enorme dificultade para cubrir as ausencias que en determinados momentos se producen, debido a que non hai médicos nas listas de contratación aos que poder recorrer, algo que afecta non só a este centro, senón todo o sistema sanitario público de España.  

Sofía López lembrou que aínda que as prazas estean cubertas con persoal fixo, cando os profesionais titulares están de baixa ou disfrutando dalgún dos permisos regulamentarios, aos que teñen dereito como calquera traballador, non hai profesionais substitutos para reemplazalos temporalmente dada a falta absoluta de médicos de familia ou pediatras de atención primaria no paro. 

A directora xeral de Planificación Sanitaria fixo fincapé en que o Sergas seguirá a traballar, xunto coa área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, na procura de médicos e pediatras tanto para substituír aos profesionais de baixa como para cubrir as vacantes que vaian quedando libres. De feito, moitas das ausencias son cubertas con intersubstitucións e prolongacións de xornada doutros profesionais que están a traballar polo que, unha vez máis, agradeceu o enorme esforzo e colaboración de todos os profesionais da sanidade pública galega para manter unha atención sanitaria de calidade.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde