Un total de 31 profesionais de Enfermería elixían praza esta maña no acto de selección de destinos provisionais no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Consolidan así a súa praza como persoal fixo tralos procesos de estabilización e o concurso de traslados na Área Sanitaria de Ferrol.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a semana pasada a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se procede ó nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo ás e ós aspirantes seleccionados no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, na categoría de enfermeira/o. Con esta resolución finaliza o proceso selectivo de estabilización polo sistema de concurso de méritos nesta categoría de Enfermería. Os e as aspirantes nomeadas dispoñen dun mes para se incorporar á praza adxudicada, ata o 14 de decembro.
Finalizado este prazo, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de que as persoas seleccionadas por diversos motivos non tomen posesión da praza ou sexan declarados en situación de excedencia sen dereito a reserva de praza, cubrirase a baixa coa persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación na relación de persoas seleccionadas.
O director de Recursos Humanos, Francisco Martínez Otero; e a directora de Enfermaría, Isabel Campos Pardo, déronlles a noraboa, e coincidiron en subliñar a importancia dun acto destas características, no que consolidan a súa praza laboral "na mellor Área Sanitaria de Galicia".