O SERGAS PUBLICA A RESOLUCIÓN DEFINITIVA DO CONCURSO DE TRASLADOS ABERTO E PERMANENTE DO ANO 2023 PARA AS CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO SANITARIO E DE XESTIÓN E SERVIZOS
21 11 2023

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, pola que se publica a resolución definitiva do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2023 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas do persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, coa excepción da categoría de médico de familia de atención primaria, cuxo concurso foi resolto mediante a Resolución desta dirección xeral do 29 de setembro de 2023.

Este é o sexto ciclo deste proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e, en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

Para a categoría de médico de familia adiantouse a publicación da resolución definitiva do concurso de traslados aberto e permanente do ano 2023 ao mes de outubro, coa finalidade de incorporar ao persoal o antes posible. Agora resolvese definitivamente o proceso de concurso de traslados deste ano 2023 para o resto de categorías.

Participaron neste concurso de traslados un total de 3.260 profesionais pertencentes a 69 categorías de persoal estatutario, resultando adxudicatarios de praza un total de 921 profesionais, o que supón preto do 29 por cento sobre o total de participantes. 

Por estamentos, adxudícanse 106 destinos de persoal licenciado sanitario, 507 de persoal diplomado sanitario, 123 de persoal sanitario de formación profesional e 185 de persoal de xestión e servizos. 

A categoría con máis adxudicacións é enfermería, cun total de 388 destinos adxudicados. Outras categorías cun número elevado de adxudicacións son: persoal de servizos xerais (88), técnico en coidados auxiliares de enfermaría (80) e grupo auxiliar da función administrativa (56).

Por áreas sanitarias, a da Coruña-Cee; Santiago de Compostela-Barbanza; e a de Vigo, son as que incorporarán o maior número de profesionais, cun total de 180, 168 e 142, respectivamente.

Do total de participantes, 134 profesionais proceden de fóra de Galicia, e deles 117 son adxudicatarios de praza neste concurso de traslados.

Cese e toma de posesión no destino adxudicado

O persoal que obteña praza neste proceso deberá cesar na que, de ser o caso, desempeñe no Sergas, mañá día 22 de novembro. 

A toma de posesión do novo destino obtido no concurso debe efectuarse dentro dos dous días seguintes ao do cese, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde; no prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Sergas; ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde. 

Estes prazos son os recollidos no artigo 30, apartado 2) do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Sergas, segundo a redacción efectuada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.

Coa publicación desta resolución definitiva e a incorporación dos profesionais aos destinos adxudicados, dáse por finalizado o ciclo anual de concurso de traslados do ano 2023 para o persoal estatutario do Sergas.

Plan de estabilidade e nova OPE

Cómpre remarcar que, tal e como anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na presentación no Parlamento dos presupostos do seu departamento para o vindeiro ano, a Xunta de Galicia creará máis de 1.700 prazas novas estruturais no Sergas en 2024, co obxecto de consolidar o aumento do cadro de persoal producido durante a pandemia, e coa posta en marcha de novas unidades. Esta medida suporá un investimento de máis de 60 millóns de euros.

Subliñar, xunto ao anterior, que a mesa sectorial de Sanidade aprobou, este pasado venres, a oferta de emprego público 2023 do Sergas, que contará con 1.207 prazas. Polo tanto, sumando a oferta anticipada de 423 prazas correspondentes a postos de difícil cobertura, o número de prazas ofertadas no presente ano ascende a 1.630.

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde