A obtención deste
premio destaca o compromiso activo da Area Sanitaria da Coruña e Cee coas
estratexias, obxectivos e metas establecidas ao longo do último cume do clima da COP26 de
Nacións Unidas.
Este recoñecemento permite á Área
Sanitaria dar a coñecer as súas accións, e que a través deste proxecto
innovador "Anestesia sustentable e pegada de carbono", ten como obxectivo avaliar o
impacto ambiental relacionado co uso de gases anestésicos nos hospitais da Área
Sanitaria da Coruña e Cee.
A finalidade da proposta
dos premios “Sanidade polo Clima +10 Hospitais polo Programa de Saúde de
Glasgow” é a de que o sector sanitario, no seu conxunto, se sume ao cambio e
contribúa a acadar os obxectivos climáticos de España, recoñecendo os proxectos
en materia de descarbonización mais innovadores dos centros sanitarios,
servindo así de exemplo e inspiración a outros hospitais que queiran avanzar
nesta dirección.
Orixe do proxecto gañador
A análise en profundidade da pegada
de carbono nos nosos centros sanitarios, detectou que entre un 81-84%
correspondía ás emisións directas e delas aproximadamente un 41% correspondía
aos gases anestésicos.
Xorde así o proxecto “Anestesia
sustentable e pegada de carbono”, que foi presentado nesta segunda edición dos
+10 Hospitais polo Programa de Saúde de Glasgow.
No proxecto establecéronse
actuacións para realizar un modelo completo de avaliación do impacto ambiental
do proceso de anestesia xeral inhalada, que contempla todos os aspectos
ambientais do proceso de anestesia. Uso de funxibles e accesorios de paciente,
xunto coas súas embalaxes e cadeas de subministración, gases frescos, enerxía
consumida, así como a cantidade e tipo de gases anestésicos, e a
tecnoloxía-equipamento necesario.
Isto que supón ampliar o enfoque,
introducindo cambios que van máis aló das actividades de xestión, que
tradicionalmente estiveron vinculadas á mellora da pegada ambiental nas
institucións de saúde e fan necesario comprometer activamente aos profesionais
clínicos neste enfoque.
Para reducir a pegada de carbono na
nosa práctica diaria deseñouse unha estratexia de sustentabilidade que
contempla, entre outras accións, as de formar aos profesionais no uso da
tecnoloxía e da cultura ambiental; sen esquecer medir, divulgar e comparar os
resultados obtidos.
Todo isto co fin último de dar
ferramentas ao profesional para que sexa capaz de decidir, valorando como a súa
práctica clínica pode condicionar e contribuír á diminución da pegada de carbono
e axudándolles a tomar conciencia dos
impactos ambientais das súas decisións e accións médicas, para buscar maneiras
de reducir a pegada ambiental da atención médica.
Este innovador proxecto
desenvolveuse coa participación dos servizos de Anestesia e Reanimación,
Xestión Ambiental e Equipamentos.