EDUCACIÓN GRUPAL, FERRAMENTA PODEROSA NO ÁMBITO DA SAÚDE NA ÁREA SANITARIA DE FERROL
17 12 2023
 

As enfermeiras residentes especialistas en saúde xinecolóxica e obstétrica (matronas) da Área Sanitaria de Ferrol, Mariana Martínez Varona, Beatriz Muñoz Diez, e Sara Pérez Pérez, dedicaron unha Sesión Clínica Xeral a falar das distintas actividades que están a desenvolver na Área con educación grupal, que definiron como "un xeito de traballar, unha ferramenta moi útil para a promoción da saúde".

Estas matronas explicaron este venres, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, para tódolos compañeiros e compañeiras da Área que quixeron acudir, en que ámbitos están a aplicar xa a educación grupal, os resultados desta actividade en opinión dos e das propias participantes, e os seus proxectos de futuro para seguir a traballar con estas dinámicas, das que existe xa evidencia científica da súa utilidade. Así, centraron a súa intervención en tres ámbitos: xa teñen sesións de saúde maternal  e puerperio e das disfuncións do solo pelviano, e están a pilotar a educación sexual nos centros educativos.

Maior coñecemento e achegamento

Estas tres profesionais definiron o que é a Educación Grupal segundo o programa de actividades comunitarias de Atención Primaria, son “sesións programadas dirixidas a un grupo de pacientes, ás nosas mulleres, coa finalidade de desenvolver valores e habilidades persoais e mellorar as súas capacidades para abordar un determinado problema de saúde, ou evitar que apareza”. Os obxectivos da educación grupal son, dicían este venres, “apoio emocional, adquirir habilidades e estilos de aprendizaxe para que o grupo poida aumentar as súas fortalezas, aprendizaxe cooperativa e a motivación”, entre outros moitos. 

Trátase de que, no caso da educación maternal e puerperio, por exemplo, as e os asistentes teñan un maior coñecemento das distintas cuestións en torno ó embarazo, o parto, e o posparto, como a preparación para o parto, a hixiene postural, o coidado do solo pelviano, a lactación materna, ou o coidado do bebé, por mencionar algunhas delas. En definitiva, remarcaron, “que se reduza o estrés, e que compartan as súas inquedanzas. Preparar a pais e nais para a maternidade”.

Son charlas dinámicas duns 90 minutos, en distintos centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol, que se converten en espazos de expresión onde se tratan os temas que máis preocupan ás nais e ós seus acompañantes. Trátase de “conseguir chegar ás mulleres, axudalas e acompañalas”, subliñaban estas profesionais. Sinalan que, para acadar a máxima efectividade, é imprescindible ser coidadoso coa información que se transmite e que sexa de calidade, facilitar ó máximo esa información, e adaptarse ás necesidades específicas de cada persoa dentro do grupo.

O que se refire ás Disfuncións do solo pelviano, tamén son sesións de entre 60 e 90 minutos, co obxecto de que coñezan todo o relacionado con este ámbito, e poidan incorporar eses coñecementos nas rutinas diarias. Falan da incontinencia urinaria de esforzo, de urxencia e dos prolapsos, por exemplo, e danlles ferramentas e exercicios para a tonificación. Estas profesionais amosaban testemuñas das pacientes e indicaban como este tema leva en grupo a falar doutras cuestións importantes tamén como pode ser a menopausa.

Por último, fixeron referencia tamén á educación sexual, que están comezando a traballar, buscan realizar este novo proxecto no ámbito académico con grupos de adolescentes cos que falar da prevención de enfermidades de transmisión sexual, ou de método anticonceptivos eficaces. Darlle a información para que poidan tela en conta no seu día a día.

Remataron a sesión xeral coas sensacións que as matronas están a ter ó aplicar a educación grupal cada unha nos seus distintos centros de saúde da Área ferrolá, e destacaron algunhas como: “é unha ferramenta moi poderosa de educación sanitaria e logra a adhesión e cambios de comportamento efectivos; require unha formación continua e actualizada axeitada ás necesidades da poboación; técense redes; e é bonito ver como se establece unha unión entre elas”, entre as persoas asistentes a estas sesións de educación grupal.


Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde