Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023.- A Área Sanitaria de
Santiago de Barbanza ven de acoller unha nova reunión do consello asesor de
pacientes, un órgano que ten como obxectivo dar voz ás asociacións de pacientes
para a súa participación e colaboración na mellora do sistema sanitario,
implicándoos en temas de saúde.Representantes de
parte das 32 asociacións de doentes da Área Sanitaria de Santiago de Compostela
e Barbanza asistiron á xuntanza no Clínico, presidida pola xerente da área
sanitaria, Eloína Núñez, acompañada por
Vitoria Carral, directora de Enfermería, María José Menor, subdirectora de
Humanización e Atención á Cidadanía, e Ramón Parada, director do distrito da
Barbanza, entre outros membros do equipo directivo.
A dirección informou ás asociacións dos temas máis
salientables que afectan aos distintos centros da área compostelá, tanto aos
hospitais como aos centros de saúde, e especialmente os vinculados coa área de
humanización. Así, búscase unha maior participación dos doentes e as súas
asociacións na actividade sanitaria, coa súa inclusión en diferentes comités e
no deseño de procesos e protocolos.
No encontro, a xerente da área, Eloína Núñez,
destacou a importancia deste novo impulso que se quere dar á colaboración dos
doentes na actividade sanitaria e subliñou que “sodes moi importantes para a
nosa organización. Necesitámosvos para seguir avanzando no desenvolvemento do
Plan de Humanización, a vosa aportación é esencial neste eido xa que
complementades a tarefa do persoal sanitario”.
Están previsto pois que se desenvolvan diferentes
accións formativas dirixidas ás asociacións de doentes, que serán definidas en
base un cuestionario realizado entre os seus compoñentes para que recolla así
as súas necesidades formativas e informativas e que xa conta cun calendario
para o primeiro semestre de 2024.
Tamén se compartiu coas asociacións de diferente
ámbito que compoñen o consello asesor de doentes da área sanitaria compostelá
diversas experiencias de éxito desenvolvidas en proxectos sectoriais como a Escola
de mama ou a Rota de doentes con espectro autista, así coma outros que están se
porán en marcha próximamente, como a Escola de familias no servizo de Neonatoloxía
ou a Escola de doentes coidadores en Oftalmoloxía, entre outros.
Así mesmo, a subdirectora de humanización anunciou a
posta en marcha de diferentes comités de humanización para promover, apoiar e
participar na toma de decisións co equipo sanitario, entre os que se propoñen
os de Xinecoloxía, Oftalmoloxía, Neuroloxía e Neonatoloxía, en primeiro termo.
Saúdos