ADXUDICADAS AS MELLORAS CON ENERXÍAS RENOVABLES DOS CENTROS DE SAÚDE DE CEDEIRA, CERDIDO E SAN SADURNIÑO
02 02 2024

​O Portal do Perfil do contratante do Sergas publica estes días a resolución de adxudicación en relación coa introdución de enerxías renovables nos centros de saúde galegos. No caso da Área Sanitaria Ferrol, adxudícanse as melloras con Biomasa en tres centros de saúde, o de Cedeira, o de Cerdido e o de San Sadurniño.

Está incluída así a instalación de caldeiras de biomasa por importe total adxudicado con IVE de 186.753,65 euros nestes tres centros de saúde da Área Sanitaria ferrolá. As adxudicacións correspóndense a 47.956,84 euros en Cerdido; San Sadurniño, cuxo custo ascenderá a 49.675,34 euros; e Cedeira, por valor de 89.121,47 euros, tal e como consta na documentación pública.

Este contrato materializábase a través dun acordo entre o Sergas e o Inega, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, para promover a integración de enerxías renovables en edificios públicos, dentro da súa actuación de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica e outras tecnoloxías renovables na administración xeral da comunidade autónoma e no sector público autonómico.

Estas accións enmárcanse tamén na potenciación da estratexia de economía circular, co eixo da redución de residuos como clave, e a reutilización de materiais e reciclaxe á sanidade pública, e centra un dos seus eixos na minimización do consumo de combustibles fósiles.

Nas vindeiras semanas, procederase a súa instalación nos distintos centros. 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde