Hoxe venres pola
tarde e mañá pola mañá, o salón de actos de AFUNDACIÓN será a sede da ¨I
reunión de Cardio-Oncoloxía”, que organizada conxuntamente polos servizos de
cardioloxía, oncoloxía e hematoloxía do CHUAC, reunirá na nosa cidade aos máis
destacados especialistas a nivel nacional destas especialidades médicas.
A consulta
específica de cardio-oncoloxía, existente no CHUAC dende o ano 2021,
experimenta un incremento progresivo anual no número de pacientes seguidos e
tratados debido ao desenvolvemento de novos fármacos e estudios oncolóxicos con
potenciais toxicidades cardiolóxicas.
Traballando
xuntos, o lema escollido nesta ocasión para resumir o enfoque multidisciplinar desta
reunión, na que participan máis de 100 profesionais vidos dende os mais
importantes hospitais do territorio nacional.
Nesta primeira reunión, centrada na prevención, coidado e tratamento do
paciente oncohematolóxico, participarán como relatores das sesións científicas
algúns dos máis destacados especialistas de Galicia e España.
As sesións están expostas nun formato interactivo no que primará o coloquio
e debate enriquecido coa participación da audiencia.
Entre os temas a tratar atópanse as cardiotoxicidades
inducidas por tratamentos oncolóxicos, como a quimioterapia, así como as
estratexias para previlas e tratalas
O xerente da Área
Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, que presidiu o acto de inauguración
desta xornada, destacou “o enfoque
interdisciplinar e transdisciplinar da actividade asistencial, que será o que
aporte verdadeiro valor. De igual xeito que as organizacións sanitarias
modernas deixaron de centrarse nos episodios, para abordar os procesos no seu
conxunto.” “Xa non basta con medir canto facemos, e con qué o facemos, senon que
queremos saber o resultado do que facemos
A tarde do venres a xornada estará centrada na cardiotoxicidade en cardioloxía,
expoñéndose as principais novidades da especialidade por profesionais de primeiro
nivel de Cardioloxía e Oncoloxía de diferentes centros galegos e nacionais,
incluíndo dúas charlas maxistrais do Dr. De Castro (vicepresidente SEOM) e Dr.
Martín (Hospital Salamanca).
Xa na xornada do sábado as mesas redondas estarán
enfocadas na cardiotoxicidade nos tratamentos hematolóxicos e a anticoagulación
e tromboses no paciente oncolóxico, incluíndo conferencias de facultativos
especialistas en cardioloxía, hematoloxía e medicina interna.